21 mar 2023

A Xunta destinará este ano 6,5 M€ a actuacións para embelecer o litoral galego

 Van dirixidas á rehabilitación de espazos singulares, a accións que contribúan a unha mellor integración coa paisaxe, a mellora da fachada turística e a corrixir impactos paisaxísticos en zonas costeiras

“Trátase de impulsar o fermosismo; mirando cara ao mar e desde o mar cara á nosa costa”, valorou o presidente do Goberno galego, quen defendeu que o coidado do medio ambiente “vai seguir traendo turistas a Galicia, e máis no noso litoral”
 
Ábrense dúas liñas de axuda, unha dirixida a concellos, cun importe de máis de 4,4 M€, e outra dirixida a establecementos turísticos, por máis de 2 M€
 

 O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, puxo en valor a partida de 6,5 millóns de euros á que o Consello da Xunta lle deu o visto e prace para destinar durante este ano a actuacións de embelecemento do litoral da nosa comunidade e fomentar un turismo sustentable. En concreto, detallou que estas ayudas van dirixidas á rehabilitación de espazos singulares, a accións que contribúan a unha mellora da integración coa paisaxe, á mellora da fachada turística e a corrixir impactos paisaxísticos en zonas costeiras.

“Seguimos co firme compromiso da preservación do medio ambiente e no convencemento de que o seu coidado é o que vai seguir traendo turistas a Galicia, e máis no noso litoral”, argumentou Rueda sobre o marco de actuación destas subvencións, que se inscriben no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGenerationEU.
 
Rueda salientou o “grande actractivo turistístico” dos 2.500 quilómetros de costa cos que conta Galicia e considerou necesarias este tipo de axudas para “revalorizar o patrimonio e a pasaixe costeiras galegas”. O mandatario galego precisou que nesta convocatoria distínguense dúas liñas de axudas, unha dirixida a concellos, cun importe de máis de 4,4 millón de euros, e outra dirixida a establecementos turísticos, cun importe superior aos 2 millóns de euros.
 
“Trátase de impulsar o fermosismo; mirando cara ao mar e desde o mar cara á nosa costa”, defendeu o presidente da Xunta na que é a primeira convocatoria que pon en marcha a Axencia de Turismo de Galicia para a conservación, rehabilitación, revalorización e mellora do patrimonio singular, natural e de uso turístico do litoral galego no marco del Plan de recuperación, transformación e resiliencia. 
 
Axudas a concellos do litoral galego
Na liña de axudas dirixida a concellos, poderán ser beneficiarios os concellos situados no territorio do litoral galego, que son un total de 73 repartidos ao longo da costa galega entre os que están na provincia de Pontevedra: Catoira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Cambados, Meaño, Sanxenxo, O Grove, Poio, Pontevedra, Marín, Bueu, Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda. Na provincia de Lugo poderán ser beneficiarios os concellos do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo.
 
Na provincia da Coruña poderán optar a estas axudas: Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño, Narón, Ferrol, Neda, Mugardos, Ares, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Bergondo, Sada, Oleiros, A Coruña, Arteixo, A Laracha, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe,Vimianzo, Camariñas, Muxía, Cee,Dumbría Fisterra, Corcubión, Carnota, Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo.
 
Nestas axudas a concellos o orzamento divídese en tres liñas de actuación subvencionables: transición verde e ecolóxica, cun orzamento de 2.700.000 euros, transición dixital, cun orzamento de 675.000 euros, e transición accesible e inclusiva, cun orzamento de 1.100.000 euros.

Axudas a establecementos turísticos
Na liña de axudas dirixida a establecementos turísticos poderán ser persoas beneficiarias as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración situados en municipios costeiros, que teñan autorizado ou clasificado o establecemento no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia.
 
Poderán solicitar as axudas os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos e albergues turísticos, así como restaurantes, cafetarías e bares.
 
Estas axudas a establecementos turísticos divídese en dúas liñas de actuación subvencionables: tecnoloxías ambientais, cun orzamento de 1.125.000 euros e mellora da fachada turística do litoral, cun orzamento de 950.000 euros.
 
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
 
Arriba