Turismo de Galicia avanza que o Comité da Ruta da Camelia previsto para este ano suporá a profesionalización deste produto único
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación das Xornadas Internacionais ‘Camelia e Paisaxismo’ que se celebrarán no Pazo de Rubiáns o 2 e 3 de marzo
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou en Pontevedra na rolda de prensa de presentación das Xornadas Internacionais ‘Camelia e Paisaxismo’, onde recordou que este ano a administración autonómica porá en marcha o Comité da Ruta da Camelia que suporá “un paso definitivo” na profesionalización dos xardíns que se inclúen neste produto único.
A responsable de Turismo da Xunta tamén avanzou outras accións previstas como a posta en marcha dunha campaña de viños e camelias, así como a participación cun xardín de deseño inspirado en Galicia, dedicado á camelia, no Festival Internacional de Xardinería de Hampton Court. “Iniciativas que continúan coa aposta por potenciar esta Ruta da Camelia que temos a sorte de ter en Galicia”, explicou.
Nava Castro valorou positivamente a posta en marcha das xornadas presentadas hoxe, que se celebrarán a iniciativa da Escola de Paisaxismo de Galicia no Pazo de Rubiáns o 2 e 3 de marzo. As xornadas permitirán coñecer de primeira man tanto a historia das camelias, actualidade, presenza noutros territorios, beleza das súas variedades como o seu potencial ornamental e paisaxístico.
Como indicou a directora de Turismo de Galicia, na actualidade a nosa comunidade é o segundo lugar con máis variedades de camelia despois do Xapón, ao albergar máis de duascentas especies e preto de 30 mil variedades diferentes de camelias. Ademais, ningún outro lugar ofrece ao visitante unha variedade de especies de flor de camelia, de coleccionistas, de exposicións e de produtores de planta de camelia que se pareza á de Galicia.
“Viste numerosos xardíns de pazos, fortalezas e casas señoriais e forma parte tamén de numerosos xardíns e fincas, tanto públicas como privadas. Incluso a súa presenza se atopa nos centros das cidades, converténdose, para moitos galegos, na flor insignia de Galicia e o eixe vertebrador da súa actividade, principalmente para aqueles que dedican o seu tempo e esforzo ao seu cultivo”, explicou.
Con sinalización turística propia
Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia afondou nas “excelentes condicións” que a árbore da camelia atopou na nosa comunidade que fixo innecesaria a utilización de invernadoiros e puxo como exemplo ao pazo de Rubiáns, onde terán lugar as xornadas, declarado Xardín de Excelencia Internacional da Camelia. “Unha mostra do valor que Galicia ofrece ao desenvolvemento dun turismo de calidade, vinculado ao seu riquísimo patrimonio tanto paisaxístico como cultural e arquitectónico”, dixo.
Nava Castro tamén fixo mención á aposta da administración autonómica por poñer en valor o noso patrimonio histórico e botánico a través da Ruta da Camelia, que é xa todo un referente internacional e que está construída por unha ducia de xardíns tanto públicos como privados. A Ruta está a permitir descubrir os recursos dos concellos nos que se sitúan os principais enclaves e xardíns con camelias e que teñen a súa sinalización turística propia para identificala de xeito sinxelo.