27 feb 2017

Turismo de Galicia presenta os recursos ornitolóxicos galegos na Feira Internacional FIO de Estremadura Escoitar

 Ademais de contar cun expositor propio, Turismo de Galicia participou en distintas reunións de traballo cos operadores especializados e noutros encontros divulgativos

O recinto galego tamén contou cun espazo para promover os parques naturais da Comunidade galega

 A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, participou por sétimo ano consecutivo na Feira Internacional de Ornitoloxía, FIO, o certame do Turismo ornitolóxico máis importante de España, que se celebrou a pasada fin de semana no Parque nacional de Monfragüe, Cáceres.

Turismo de Galicia instalou un expositor no que os visitantes e profesionais que se achegaron a esta feira puideron coñecer os 61 espazos de alto interese ornitolóxico identificados en Galicia e distribuídos por toda a súa xeografía.

Estes espazos están clasificados segundo os hábitats, e deste xeito podemos atopar zonas de litoral e mar aberto; áreas agrosilvopastorís; canóns e vales fluviais, áreas montañosas e boscosas; humidais interiores e contornas urbanas.

Especial importancia terán as 10 áreas identificadas como o mellor das zonas de alto interese ornitolóxico, que son: Estaca de Bares e O Barqueiro; Ría de Ortigueira e Ladrido; Costa da Morte; Complexo Ons-O Grove; Humidais da Terra Chá; Montes de Cervantes (Os Ancares); Ribeira Sacra Sur (Canón do Sil), Serra da Enciña da Lastra; A Limia; Oímbra, Monterrei e Verín.

Parques naturais


Por outra parte, o recinto galego tamén contou cun espazo para promover os parques naturais da Comunidade galega, atendido pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Ademais, paralelamente á actividade feiral, tamén se desenvolveu un programa de actividades para os visitantes e expositores, xornadas técnicas e un encontro de traballo con operadores turísticos especializados.

Organizado pola Junta de Extremadura, o certame FIO está considerado como o máis importante do seu xénero no sur de Europa é constitúe unha cita obrigada para todos os especialistas e afeccionados á ornitoloxía en España.

Arriba