29 mar 2017

Turismo de Galicia acondicionará os accesos ao antigo balneario de Cortegada

Preténdese pór en valor esta infraestrutura, clave na historia termal da nosa comunidade e cunha fonda tradición mineiro-medicinal

Achegaranse 50.000 euros en virtude do convenio asinado esta mañá entre a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde da localidade ourensá, Avelino Luís de Francisco Martínez

As actuacións incluirán a sinalización e acondicionamento do Mirador Coto da Pena

 

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde de Cortegada, Avelino Luís de Francisco, asinaron un convenio de colaboración en virtude do cal, Turismo de Galicia achegará 50.000 euros para acondicionar e sinalizar o antigo balneario da localidade ourensá.

Preténdese así pór en valor unha infraestrutura clave na historia termal da nosa comunidade, que durante anos levou a fama deste municipio chegando a ser denominado Cortegada de Baños. De feito, a tradición mineiro-medicinal destas augas ten un amplo percorrido xa que se fala incluso de que no S.XV estes mananciais estaban xa documentados.

Como explicou a directora de Turismo de Galicia durante o acto, as actuacións obxecto do convenio sitúanse na zona dende o núcleo de Cortegada ata este antigo balneario, pasando polo Mirador Coto da Pena. Os traballos inclúen o acondicionamento e sinalización deste mirador que permite gozar dunhas vistas do tramo medio do río Miño, pero cuxos accesos se atopaban intransitables e invadidos de vexetación.

Consolidación como destino termal

Referíndose ao “enorme potencial” de Cotobade como destino termal, Nava Castro calificou estas actuacións como un novo acicate para esta localidade ourensá. “As augas termais desta vila contan cunha historia innegable, contribúen a situarnos como destino líder en Europa e con accións como a de hoxe estamos seguros de que consolidarán a súa posición como destino termal e estimularán o potencial económico da comarca”.

Neste sentido, Nava Castro referiuse á fortaleza termal de Galicia no seu conxunto, con 300 captacións de augas termais dispersas por todo o territorio galego, 21 balnearios con máis de 3.000 prazas hoteleiras, múltiples mananciais, pozas e casas de baños. “Unha oferta potente e de gran potencial de consolidación”, explicou.

Fixo mención, ademais, á estratexia de Turismo de Galicia incluída no Plan de Turismo Termal 2014-2020 centrada en converter o termalismo nunha bandeira propia como opción turística de calidade que conxugue ocio e saúde. Calificou o Plan como a mellor ferramenta para estruturar a oferta, os recursos e os servizos, de tal xeito que conduzan á creación do destino Ourense, Provincial Termal. “Un obxectivo que se aliña con este convenio. Porque ademais sabemos que investir en acondicionar e mellorar os nosos recursos turísticos é unha aposta de futuro”, explicou.

Arriba