25 set 2017

O programa de artes escénicas ‘Vive o Camiño’ chega á ruta de Fisterra-Muxía tras percorrer os concellos do Camiño Inglés

 A obra teatral ‘Dous no Camiño’, que leva varias semanas de xira pola provincia da Coruña, e xa se interpretou en Cee e Corcubión, de balde e dirixida aos peregrinos e aos veciños desta ruta xacobea que non deixa de gañar relevancia

Turismo de Galicia, que impulsa esta iniciativa de promoción e dinamización, prevé iniciar en breve os traballos de rehabilitación, mellora e sinalización neste itinerario

 

 O programa de artes escénicas Vive o Camiño, que este verán percorreu a vintena de concellos do Camiño Inglés, chega estes días ao Camiño de Fisterra-Muxía, con actuacións programadas ata principios de outubro. Tras ter pasado por Ames, Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Cee e Corcubión, o ciclo chegará estes días a Dumbría, Muxía e Fisterra.

Esta iniciativa de promoción e dinamización dos itinerarios xacobeos enche así de música e teatro numerosas rúas e prazas da provincia da Coruña, pola que discorren integramente ambas rutas. A través de Vive o Camiño espállase o espírito dos Camiños e os seus valores tanto entre peregrinos e viaxeiros como entre os galegos en xeral, que gozan del de balde.

A cita de Cee tivo lugar ás 20,30 horas na praza do Concello coa obra titulada Dous no Camiño, interpretada por Fran Rei e Isabel Risco coa dirección de Avelino González e texto de Roi Vidal e Xurxo Barcala. O pasado  domingo, ás 20,00 horas, o escenario foi no Campo do Rollo de Corcubión. Deste xeito, contribúese a poñer en valor o Camiño de Fisterra-Muxía, que nos últimos anos non deixou de gañar relevancia entre os peregrinos.

Ante este incremento, Turismo de Galicia, dentro do Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago posta en marcha hai dous anos, xa ten iniciados os trámites, en colaboración e contacto permanente cos concellos implicados, para executar tarefas de rehabilitación, mellora e sinalización nos seus diferentes tramos. Estes traballos seguirán a estela dos que se desenvolveron noutras rutas, como é o caso neste momentos do Camiño Inglés.

Na mesma liña de Dous no Camiño, Fran Rei e Isabel Risco están a levar a cabo ademais unha animación, de creación e dirección propia, nas rúas principais e nas contornas dalgúns albergues, onde interactúan cos cidadáns e cos peregrinos en cada posta en escena. Nesta animación, Atanasio e Teodoro, os dous discípulos de Santiago que levaron polo mar os seus restos ata Galicia, atópanse perdidos despois dunha viaxe no tempo de moitos séculos. As modernidades que ven sorpréndenlles, pero ao mesmo tempo van descubrindo que o esencial do Camiño de Santiago, a natureza, as paisaxes e os monumentos, non mudaron.

O resto de datas programadas de Vive o Camiño son as seguintes:

- Dumbría: 28 de setembro, ás 20.00 horas, nas instalacións do Conco

- Muxía: 29 de setembro, ás 20,00 horas, na praza do Cabo da Vila

- Fisterra: 1 de outubro, ás 20,00 horas, na praza da Constitución

Arriba