20 nov 2017

Segovia acolle a exposición itinerante do Camiño de Santiago que ten percorridas numerosas localidades de toda España este ano

 ‘Memoria de peregrinación’, do fotógrafo Manuel Valcárcel e o músico Alexandro González, poderá verse ata o 28 de novembro no Patio de Columnas da Deputación

Turismo de Galicia promoveu nos últimos meses a ruta xacobea con diferentes mostras en cidades de España e do estranxeiro como Córdoba, Burgos, Palma de Mallorca, Sevilla, Londres, Valencia, Barcelos ou Antequera, entre outros exemplos
 
O Camiño de Santiago superou xa os 296.000 peregrinos, un 8,5% máis que o ano pasado e a cifra máis alta da súa historia, con camiñantes de 179 nacionalidades
 
Exposición en Segovia

 Despois de ter percorridas diferentes cidades nos últimos meses, a exposición Memoria de peregrinación. Camiño de Santiago. Primeiro Itinerario Cultural Europeo chega a Segovia. O Patio de Columnas da Deputación segoviana acolle esta mostra itinerante ata o próximo 28 de novembro, o que contribúe á difusión da ruta xacobea e os seus valores entre os veciños e visitantes desta cidade.

Organizada por Turismo de Galicia, colabora na mostra a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Segovia, ademais da súa deputación provincial. Esta cooperación fortalece os vínculos cos colectivos xacobeos que traballan dun xeito desinteresado. Precisamente, o Plan director do Camiño de Santiago ten moi en conta esta cuestión. Na súa primeira liña estratéxica propón medidas para a colaboración coas asociacións de amigos do Camiño.

Os orzamentos de Turismo de Galicia para 2018 prevén, neste sentido, unha partida de ata 90.000 euros para esta colaboración con este tipo de entidades que fan labores esenciais de difusión e información dos itinerarios. Son eles quen nutren a dimensión internacional deste fenómeno en auxe. As cifras récord de peregrinos acadadas son froito tamén do seu labor. Este ano superáronse xa os 296.000, un 8,5% máis que no 2016, chegados de 179 países.

De Bulgaria a Santiago de Compostela

Desta diversidade fala tamén Memoria da peregrinación, unha exposición froito da viaxe do fotógrafo Manuel Valcárcel e do músico Alexandro González, ambos galegos, a través duns itinerarios xacobeos de dilatada historia e tradición. A súa é unha travesía contemporánea realizada para mergullarse, cos cinco sentidos en alerta, na intimidade daqueles lugares históricos que forman parte da memoria cultural da Humanidade como Patrimonio Mundial.

Nun percorrido por Bulgaria, Hungría, Austria, República Checa, Eslovenia, Italia, España e Galicia, os autores prestan especial atención á tradición cultural e á sensibilidade relixiosa e detéñense nas poboacións próximas aos itinerarios de peregrinación e a súa vida diaria.

Esta e outras mostras itinerantes do Camiño de Santiago promovidas por Turismo de Galicia téñense presentado nos últimos meses en cidades de España e do exterior como Córdoba, Burgos, Palma de Mallorca, Sevilla, Londres, Valencia, Barcelos (Portugal) ou Antequera.

 

 

Arriba