13 feb 2018

Xornalistas alemáns coñecen o Entroido e os xardíns da camelia nunha viaxe organizada por Turismo de Galicia

 Durante a súa estadía visitaron distintos pazos e as súas contornas así como parte dos carnavais declarados de interese turístico

 
O mercado alemán marcou máximos históricos en 2017 con máis de 211.000 noites
 
O ano pasado, máis de 23.200 peregrinos de Alemaña realizaron o Camiño de Santiago, o que supón un 9,12% máis que en 2016
Os xornalistas alemáns, nunha visita a un pazo.

 Entroido e camelias: as cores do inverno foi o nome que recibiu a viaxe de familiarización organizada por Turismo de Galicia para que un grupo de xornalistas alemáns especializados en viaxes e turismo poidese coñecer parte dos carnavais máis tradicionais da Comunidade galega así como a oferta de pazos e xardíns de inverno que estes días locen camelias.

Estes profesionais da comunicación procedentes de Alemaña percorreron a Comunidade galega visitando entroidos declarados de interese turístico para coñecer as distintas tradicións relacionadas co carnaval en Galicia. Por outra parte, na súa estadía, os xornalistas alemáns visitaron varias contornas relacionadas coa Ruta da camelia entre as que se atopan distintos pazos e xardíns galegos.

No pasado ano 2017 rexistrouse, en termos globais, un crecemento do mercado turístico alemán en Galicia no segmento hoteleiro. O número de noites subiu un 3,1% en relación ao 2016. É o quinto ano consecutivo no que melloran as cifras do mercado alemán en Galicia, con incrementos do 4,4% en 2013, do 11,9% en 2014, do 20,6% en 2015, do 2% en 2016 e do 3,1% agora en 2017, que sitúan os niveis de demanda actuais en máximos históricos na nosa Comunidade con máis de 211.000 noites.

O mercado alemán representa en 2017 o 10% do total da demanda turística internacional de Galicia e consolídase como o segundo mercado estranxeiro da nosa Comunidade. A estadía media do viaxeiro alemán dentro do aloxamento hoteleiro tamén subiu un 7,7% en 2017. No eido do Camiño de Santiago 23.257 peregrinos de Alemaña realizaron a ruta xacobea durante o pasado exercicio, un 9,12% máis que no ano 2016.

Web máis internacional

Para dar resposta ao crecente interese por Galicia e o Camiño de Santiago deste mercado internacional, a páxina web caminodesantiago.gal vén de ser traducida ao idioma alemán, sumándose así aos xa dispoñibles ata o momento: galego, castelán, portugués, inglés, francés e italiano. A web, na que se recollen todos os aspectos precisos para descubrir, preparar e planificar a ruta xacobea rexistrou o ano pasado un crecemento da duración media da sesión de visita, ata alcanzar máis de cinco minutos por persoa, o que demostra o interese dos contidos amosados. Por países, tras España, recibiu visitas de Portugal, Estados Unidos, Italia, Arxentina, Alemaña, Brasil, Francia, México ou Reino Unido.

Arriba