Galicia foi a cuarta comunidade onde máis medrou o turismo en marzo, coincidindo coa Semana Santa, cun crecemento do 18%
Malia aos diversos temporais, a Comunidade galega tivo un comportamento mellor que a media estatal, cunha evolución en todas as variables medidas polo INE
Con preto de 264.000 viaxeiros aloxados nos seus hoteis, Galicia foi a cuarta comunidade onde máis medrou o turismo no pasado mes de marzo, coincidindo coa Semana Santa. En concreto, deuse un crecemento do 18%, moi superior ao rexistrado no conxunto do Estado, onde a evolución foi 10 puntos inferior.
A pesares dos diferentes temporais de choiva, neve e vento, o terceiro mes do ano deixa un balance positivo para o sector turístico galego, que rexistrou un 19% máis de noites nos establecementos hoteleiros, fronte ao 7% de incremento estatal. Con máis de 488.000 pernoitas, Galicia mellorou en todas as variables segundo confirman as cifras difundidas hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Esta alza foi común ás catro provincias, aínda que con diferentes intensidades. Mentres que na provincia da Coruña foi do 5,2%, en Lugo acadou un 48,6%. Pola súa banda, as de Ourense e Pontevedra superaron o 25%.
Por segmentos, cómpre subliñar o crecemento dos turistas internacionais, de máis do 22%, que afondan na súa tendencia crecente. Os turistas nacionais aloxados nos hoteis galegos subiron un 20%, mentres que o turismo entre os propios galegos medrou tamén un 14%.
Cinco puntos máis de ocupación
Galicia segue a converxer coa media, con destacados incrementos en estadía media ou en ocupación. De feito, esta elevouse case 5 puntos ata obter o mellor dato nunha década.
A melloría dáse tamén nas tarifas hoteleiras, que medran un 11%, o segundo incremento máis intenso en España. Estes aspectos fixeron que a rendibilidade subira un 22%, como amosa o índice RevPAR, que mide o ingreso medio por habitación dispoñible nos hoteis.
Turismo de Galicia valora de xeito positivo os datos, froito da colaboración público-privada plasmada na Estratexia do turismo de Galicia 2020. Esta folla de ruta, que cumpre agora o seu primeiro ano, confirma a súa eficacia, contribuíndo a consolidar Galicia como un destino de maior calidade e tranquilo, que é quen de mellorar malia as condicións meteorolóxicas.
A Estratexia 2020, que aposta por un turismo comprometido, está a permitir configurar unha demanda máis desestacionalizada, cunha oferta especializada que pon en valor os mellores recursos de cada zona, con elementos diferenciais como a natureza, a enogastronomía, o termalismo, o patrimonio cultural ou o turismo náutico, ademais do Camiño de Santiago.