17 ago 2021

"Concertos na fin do mundo" invita a experiencias únicas nos faros galegos da man do Xacobeo

 O gaiteiro Anxo Lorenzo, as cantareiras As Tanxugueiras, Dulce Pontes e Mikel Erentxun participan no cartel que terá como escenario os faros de Baiona, Muxía, Ribeira e Cervo

Alfonso Rueda presentou en Baiona a proposta musical, que conxuga unha posta en escena única coa reivindicación dos faros como patrimonio vencellado ao Camiño de Santiago
 
Alfonso Rueda, na presentación da iniciativa "Concertos na fin do mundo".

 O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, acompañado da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou en Baiona Concertos na fin do mundo, unha proposta musical que invita a experiencias únicas nos faros galegos. O ciclo conta coa colaboración da Fundación “la Caixa” no marco da programación do Xacobeo.

O gaiteiro Anxo Lorenzo, as cantareiras As Tanxugueiras, Dulce Pontes e Mikel Erentxun participan no cartel que terá como escenario os faros de Baiona, Muxía, Ribeira e Cervo. Xunto e eles actuará tamén a dj galega Russihha e grupos emerxentes do panorama musical galego.

Os concertos serán o 21 e o 27 de agosto e o 3 e o 10 de setembro, para grupos reducidos que van de 100 as 250 persoas dependendo das características do faro e do nivel de ocupación dese escenario natural, tendo en conta os protocolos de seguridade e as normas sanitarias. A proposta, ademais, persegue valores de respecto coa contorna, de igualdade e de diversidade.

O vicepresidente primeiro presentou Concertos na fin do mundo en Baiona, onde se celebrará unha das propostas musicais que terá como escenario o faro de Cabo Silleiro, punto estratéxico do Camiño Portugués da Costa e un dos itinerarios xacobeos que máis está a medrar. Alfonso Rueda recordou que o visitante e o peregrino de hoxe en día demanda ofertas diferenciadas e singulares das que Galicia ten moito que ofrecer. Ao acto asistiron tamén os presidentes das Autoridades Portuarias de Vigo, A Coruña e Ferrol.

Os que desexen asistir poderán obter máis información na web www.concertosnafindomundo.com, desde onde serán redirixidos á pasarela de pago na que poderán adquirir as entradas polo prezo de 10 euros.

 

Arriba