16 set 2019

Nava Castro salienta en Monforte de Lemos a importancia do Camiño de Inverno para dinamizar as economías locais

A directora de Turismo pechou hoxe as ‘Xornadas Científicas do Camiño de Inverno’ dedicadas ao patrimonio inmaterial da Ribeira Sacra

Este foro programouse co apoio da Xunta de Galicia a través de ‘O teu Xacobeo’, a convocatoria aberta de proxectos de cara ao Ano Santo
Nava Castro, en Monforte de Lemos.

 A directora de Turismo, Nava Castro, clausurouen Monforte de Lemos as Xornadas Científicas do Camiño de Inverno, programadas co apoio da Xunta de Galicia a través de O teu Xacobeo, a convocatoria posta en marcha polo Goberno autonómico de cara a celebración do vindeiro Ano Santo.

Durante a clausura, Nava Castro salientou a importancia de foros como este que permitiron debater e reflexionar sobre un itinerario que, como o Camiño de Inverno, está a contribuír tamén a dinamizar as economías locais. Puxo de manifesto a aposta e o esforzo orzamentario da Xunta dos últimos anos para poñelo en valor, algo que se traduce, entre outras accións, no seu recoñecemento oficial, no seu mantemento e conservación, así como no proxecto de sinalización que se realizará 2020 seguindo o calendario do Plan Director do Camiño de Santiago que lle dedicará ese ano a este itinerario.

As xornadas clausuradas por Nava Castro reuniron en Monforte de Lemos a preto de 250 persoas procedentes de Santiago, Ourense, A Coruña e Pontevedra. Desde o venres, os participantes nestas actividades tiveron a oportunidade de combinar a asistencia as xornadas con visitas guiadas, conferencias e música. Entre os expertos estaba Ana Goy, catedrática de historia da arte da Universidade de Santiago, que falou sobre a busca do valor universal excepcional da Ribeira Sacra; e tamén o exconselleiro Víctor Vázquez Portomeñe, que analizou o valor inmaterial dos camiños de Santiago

Na parte da música, as xornadas incluíron concertos como o de Efraim Díaz, profesor da escola municipal de música de Lugo sobre O pito pastoril galego e as súas diferenzas fronte outros instrumentos de vento; ou o do músico Xosé Incio, que ofreceu unha charla sobre o patrimonio inmaterial das regueifas –cancións entre dous o máis persoas co emprego da burla– cun concerto de zanfona.

Segundo Aída Menéndez, presidenta da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, entidade coordinadora deste proxecto, “as xornadas foron un éxito de participación polo tema tratado e polo feito de combinar partes máis científicas con outras musicais e visitas guiadas. É imprescindible recuperar estas lendas e cantos dos nosos devanceiros que nos unen a todos ao carón do Camiño”. Cómpre lembrar que un dos obxectivos do programa O teu Xacobeo é precisamente recuperar o patrimonio inmaterial en torno ao Camiño de Santiago e resaltar a súa riqueza entre peregrinos e sociedade galega en xeral.

 

Arriba