28 set 2021

Aínda quedan prazas para as tres xornadas sectoriais para a hostalería, técnicos de cultura e editores que se desenvolverán dentro de ‘Historias de Cadernos de Viaxes’

 A inscrición é gratuíta ata completar a capacidade máxima e deberá realizarse a través da web: xacobeo2021.caminodesantiago.gal

 

 A programación de ‘Historias de Cadernos de Viaxes’, evento que terá lugar en Santiago de Compostela os días 1, 2 e 3 de outubro, dentro da programación de actividades do Xacobeo 21.22 impulsada pola Xunta de Galicia, inclúe tres xornadas sectoriais adicadas a tres ámbitos concretos, para as que aínda quedan prazas dispoñibles.

A primeira destas xornadas desenvolverase na Hospedería de San Martiño Pinario o venres, día 1, e está dirixida ao sector da hostalería. Durante unha hora (de 11 a 12 h) o ilustrador Joaquín González Dorao amosará aos participantes as posibilidade que ten a ilustración para aplicala nos seus negocios, con exemplos prácticos de como integrar os debuxos en manteis, cartas, pousavasos e outros elementos de uso cotiá.
A xornada do sábado día 2 ten por destinatarios os técnicos municipais de cultura e de desenvolvemento. A ilustradora Mireia Trius, creadora e editora da colección Quaderns de viatge do Concello de Barcelona, narrará a súa experiencia con este proxecto de dar a coñecer unha cidade a través de ilustrar os seus barrios e explicará como mediante unha serie de libros ilustrados se lle pode sacar moito máis partido aos seus pobos. Esta xornada desenvolverase de 17 a 18 h no auditorio do CGAC.
A terceira xornada, que comezará, tamén no auditorio do CGAC ás 12.15 h do domingo 3, está dirixida ao sector editorial e do mercado do debuxo. Nela, varios ilustradores amosaranlle aos editores galegos os seus traballos sobre o Camiño de Santiago.
A inscrición para estas tres xornadas é gratuíta ata completar a capacidade máxima e deberá realizarse a través da web: xacobeo2021.caminodesantiago.gal
 
Arriba