17 feb 2020

Román Rodríguez e o alcalde de Pontevedra avanzan no deseño da programación do Xacobeo 2021 para a cidade

O conselleiro de Cultura e Turismo mantivo un encontro co rexedor para abordar as diferentes iniciativas previstas no marco desta celebración

Reunión entre o conselleiro de Cultura e Turismo e o alcalde de Pontevedra.

 A iniciativa conta con dez programas que inclúen un espectáculo central, un evento de cultura popular e unha proposta específica para o concello pontevedrés

 

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantiveron un encontro para avanzar no deseño da programación de actividades que se levarán a cabo na cidade con motivo do Xacobeo 2021. Trátase dun encontro enmarcado na rolda de contactos cos rexedores das principais cidades galegas no marco de Xacobeo Cidades.

Ambos dirixentes abordaron as colaboracións necesarias por parte do Concello e do Goberno autonómico co obxectivo de executar este programa. Ademais, o titular de Cultura e Turismo destacou a importancia da pegada xacobea na cidade de Pontevedra e o papel do Camiño Portugués, unha ruta que está a experimentar un importante incremento e que é xa a segunda máis percorrida polos peregrinos.

A programación de Xacobeo Pontevedra estrutúrase en torno a dez programas entre os que hai un espectáculo central ou iniciativas como o festival Pontevedra Emerxe, dirixido a potenciar a escena local, combinando a participación de novos talentos coa de grupos xa consolidados. Tamén se celebrará o concerto Importa Pontevedra, que servirá como plataforma para atraer á cidade talento internacional. Do mesmo xeito, cómpre destacar que haberá unha proposta específica para este municipio e que dentro da programación terán un papel destacado os colectivos culturais tradicionais e de base. Ademais, deseñarase unha ampla programación de rúa, onde as artes escénicas e visuais terán un peso destacado, así como iniciativas dirixidas especialmente ao público xuvenil.

Román Rodríguez incidiu na necesidade de estender a influencia do vindeiro Xacobeo 2021 a toda Galicia, apostando pola participación de toda a cidadanía e por descentralizar este evento ante a súa capacidade de dinamización cultural e económica.

 

Arriba