05 xan 2021

A Xunta destaca o atractivo turístico do Belén Artesanal en Movemento de Valga

 O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou este Belén, Festa de Interese Turístico de Galicia, e o único xunto co de Begonte con esta consideración

Alfonso Rueda, na visita ao Belén de Valga,

 O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o atractivo turístico do Belén Artesanal en Movemento de Valga que visitou e que está recoñecido como Festa de Interese Turístico de Galicia desde 1995,. Ademais, o de Valga e o de Begonte (Lugo), son os únicos beléns con esta consideración.

Na visita, estivo acompañado polo alcalde de Valga, José María Bello Janeiro, e a presidenta da Asociación cultural Amigos do Belén, Mª Carmen Castiñeiras.

A Xunta colabora co Concello na instalación dunha climatización que garante a conservación adecuada das máis de 4.000 figuras tallas de forma artesanal. O Belén de Valga, que ocupa 250 metros cadrados, representa o nacemento en movemento e dentro do contexto dunha aldea galega coas tradicionais figuras de recreacións de Nadal con alusión aos costumes e oficios galegos e, coma tódolos anos, tamén con referencias a temas de actualidade, nesta ocasión centrados na pandemia do coronavirus.

Alfonso Rueda sinalou que o belén de Valga amosa “dedicación, traballo e inxenio” para resumir e captar a actualidade do ano e que en cada edición atrae a milleiros de persoas. Así, explicou que en cada edición reforza o seu papel como atractivo da provincia de Pontevedra durante o Nadal e confía que na próxima poida dar conta no repaso á actualidade do 2021 como o ano da recuperación e do Xacobeo 2021-2022.

 
Arriba