A Xunta impulsa Sanxenxo como territorio de preferente actuación turística e destaca os históricos datos de ocupación en toda Galicia
A Administración autonómica asinou un convenio co Concello por valor de 150.000 euros para a promoción turística do único municipio galego que acadou a distinción
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asinou un convenio co alcalde do Concello de Sanxenxo, Telmo Martín, polo que a Xunta destina 150.000 euros á promoción de Sanxenxo como territorio de preferente actuación turística.
Logo de ser o primeiro concello galego recoñecido pola Xunta como territorio de preferente actuación turística, Sanxenxo elaborou un plan de actuación integral cunha serie de obxectivos cos que colaborará a Xunta para potenciar un dos concellos con mellores datos turísticos non só de Galicia, senón tamén de toda España.
Entre outros obxectivos, está prevista a creación de rutas da natureza como alternativa complementaria á oferta de praia e de turismo náutico que xa ofrece Sanxenxo. Tamén se impulsará a Ruta do Padre Sarmiento e os sendeiros a pé. Outras iniciativas pasan pola creación dunha rede de itinerarios a nado en augas abertas, pola posta en valor do patrimonio arqueolóxico ou pola promoción de Sanxenxo como destino de descanso, saúde e benestar.
“A Xunta estará sempre de lado dun sector que traballa pola recuperación turística”, subliñou Alfonso Rueda. Con ese obxectivo, o acordo inclúe unha partida de 30.000 euros destinada ao Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS) para a posta en marcha de accións de promoción do municipio como destino turístico.
Nun verán no que Galicia foi quen de colocarse á cabeza da recuperación turística en España, con datos de ocupación superiores aos de 2019, Sanxenxo rozou o 90% de ocupación e non só liderou as cifras na provincia de Pontevedra senón tamén en todo o norte peninsular, con 437.000 pernoitas e 100.000 viaxeiros nos meses de xullo e agosto.
Alfonso Rueda subliñou que eses bos datos estanse a repetir agora na ponte do Pilar, que está a mellorar os rexistros do 2019 polas mesmas datas e mesmo a recuperar o turismo internacional. Con ese balance, o vicepresidente primeiro asegurou que “apostar por Sanxenxo é apostar seguro” e reiterou que Galicia “está de moda”.