01 nov 2021

Turismo de Galicia apoia con 700.000 euros a creación e difusión de novos produtos turísticos sustentables

 Este departameto da Vicepresidencia 1ª da Xunta subscribiu un convenio de dous anos de duración co Clúster Turismo de Galicia para colaborar na incorporación da sustentabilidade nos servizos e produtos turísticos

 
A directora de Turismo de Galicia participou na presentación das liñas de traballo nas que o Clúster Turismo de Galicia está a traballar para desenvolver e comercializar servizos e produtos turísticos que respondan ás novas necesidades dos viaxeiros, xurdidas trala pandemia.
 
Mediante este convenio crearase un Clube do Produto Turístico Sostible, entre outras accións orientadas a incorporar novos produtos turísticos especializados na canle de comercialización do turismo galego
 

Co obxectivo de crear e comercializar novos produtos turísticos sustentables, a Vicepresidencia Primeira, a través de Turismo de Galicia, e o Clúster Turismo de Galicia veñen de asinar un convenio bianual por importe de 700.000€.

Xa se presentaron as principais liñas de traballo que xa se están despregando para seguir avanzando na adaptación e mellora da rendibilidade do sector turístico galego. O acto, no que participou o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, serviu tamén para dar a coñecer exemplos de produtos turísticos sustentables que se están a desenvolver, como o Camiño Clean, de Tee Travel.

Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a necesidade de que o sector siga traballando no cumprimento da folla de ruta trazada no Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro, no que a sustentabilidade é un dos seus piares fundamentais, “unha sustentabilidade entendida en 360 graos, desde un punto de vista social, económico e medioambiental, que nos permita dar resposta ás novas necesidades e sensibilidades do viaxeiro construíndo novas propostas de recuperación”, explicou Nava Castro. O sector apoiarase na dixitalización como elemento transversal imprescindible nun proceso de transformación do sector turístico “que conta e seguirá contando co apoio do Goberno galego”.

Entre as actuacións previstas no marco deste convenio -que conta cun orzamento de 200.000 euros para este ano e os restantes 500.000 euros para 2022- atópase a creación dun Club de Produto Turístico Sustentable, así como as labores de apoio para a súa posta en marcha, definición e apoio á comercialización tanto a nivel maiorista como de receptivo. No marco deste convenio de colaboración tamén se traballará no ámbito da dixitalización e se creará unha web cos produtos que se incorporen a este club, que posteriormente se promocionarán a través de diferentes accións como viaxes de familiarización ou campañas de promoción en medios dixitais.Finalmente, o convenio prevé a creación e distribución de material de promoción a través de turoperadores a axencias e a organización de viaxes de familiarización e prescrición, para dar a coñecer estes novos produtos e servizos turísticos que veñen dar resposta á nova realidade turística xurdida trala pandemia.

 

Arriba