10 nov 2021

O Xacobeo protagoniza en Italia dúas presentacións en Roma e Milán para internacionalizar a celebración

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou nos dous actos que o Xacobeo protagonizou no país transalpino co obxectivo de converterse nun motor de recuperación e de internacionalización do Ano Santo

Os italianos representan o segundo mercado emisor de peregrinos estranxeiros máis importante, despois de Portugal
 
Presentación do Xacobeo, en Roma.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou nas dúas presentacións da celebración do Ano Santo e do Xacobeo 2021-2022 que tiveron lugar en Italia. O Palacio de Exposicións de Roma acolleu a primeira presentación italiana nun acto no que participaron o Embaixador de España en Roma, Alfonso Dastis, o conselleiro de Turismo en Roma, Jorge Rubio e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, ademais de empresarios turísticos italianos e prensa especializada. O segundo acto de presentación tivo lugar en Milán.

De xeito previo á presentación oficial do Xacobeo 21-22, celebrouse en Roma un workshop entre empresas galegas de turoperación e preto dun cento de operadores turísticos italianos co obxectivo de establecer novas sinerxías comerciais, un aspecto no que fixo fincapé a directora de Turismo de Galicia na súa intervención.

Castro destacou os lazos que unen Galicia e Italia “unidas desde hai séculos pola liña invisible que trazan os peregrinos que percorren os diferentes camiños de peregrinación que atravesan Italia, sexa en dirección a Roma, a Santiago ou a Xerusalén”. En 2019 foron máis de 30.000 os italianos que percorreron o Camiño cara a Santiago e no que vai de ano xa son máis de 7.000, un 4,3% do total de peregrinos que recolleron a súa credencial de peregrinos, un dato que pon de manifesto a progresiva recuperación do peregrino internacional, un dos obxectivo fixado para o Xacobeo do vindeiro ano.

De feito, con este acto de presentación do Xacobeo búscase precisamente darlle un pulo á promoción da celebración do Ano Santo fóra das nosas fronteiras, ao tempo que se reforza a presenza da oferta turística de Galicia en Italia, o segundo país emisor de peregrinos estranxeiros no Camiño de Santiago.

Presenza en Italia

As actividades de promoción de Galicia e do Xacobeo en Italia completáronse cunha segunda presentación do destino e do Ano Santo que tivo lugar na Fondazione Giangiacomo Feltrinell de Milán, nun acto que contou  coa presenza da Conselleira de Turismo da Embaixada de España en Italia e Cónsul Adxunta de España en Milán, Isabel Garaña, e do presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal.

Ademais, cómpre lembrar que durante este mes sucederanse as actividades de promoción do Xacobeo no Centro Multimedia Interactivo de Promoción turística de España, posta en marcha por Turespaña en Roma e dedicado de forma preferente esta ano á promoción do Xacobeo. Un centro que acollía esta mañá un relatorio a cargo do escritor Fabrizio Ardito sobre a súa guía de recomendacións para peregrinos Come sopravvivere al Cammino di Santiago que terán continuidade con outros micro eventos arredor da experiencia do camiño, o Camiño inclusivo ou as diferentes opcións para percorrelo.

 
Arriba