05 xul 2022

Nava Castro pon en valor a paisaxe e a biodiversidade de Galicia nun curso de verán da Universidade de Santiago

 Nava Castro destacou que mediante o ecoturismo foméntase a valorización dende un punto de vista turístico dos recursos naturais e paisaxísticos para promocionar Galicia

 
Castro, na inauguración do curso,

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou  na inauguración da XIV edición do curso de verán sobre Paisaxe e Biodiversidade que organizan a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Guitiriz.

No acto inaugural a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou que “os espazos naturais do interior da comunidade, sumados aos espazos da costa, supoñen un papel esencial para a conservación do patrimonio material e inmaterial de Galicia, e supoñen un dos nosos valores máis significativos á hora de atraer turismo”.
 
“A finalidade deste curso de verán é a posta en valor da gran diversidade, de espazos naturais e hábitats coas que contamos na nosa Comunidade que, xunto co seu valor natural e cultural, serán examinados no transcurso do ciclo”, indicou a directora de Turismo de Galicia.
 
Castro destacou que mediante o ecoturismo foméntase a valorización das paraxes galegas dende un punto de vista turístico dos recursos naturais e paisaxísticos do territorio para promocionar Galicia como un destino comprometido coa conservación do medio ambiente e a biodiversidade.
 
Neste senso, a directora de Turismo de Galicia puxo como exemplos de este turismo as actividades potenciadas dende a Xunta de Galicia como a Ruta das Camelias, Galicia birding e paseos que namoran, todos eles desenvoltos en contacto coa natureza e baseándose na observación e valoración da mesma.
 
Arriba