21 mar 2023

Rueda invita a hostalaría e o turismo galegos a vivir unha década xacobea da man da súa transformación sustentable e da súa resiliencia e profesionalidade

Agradece ao sector a súa responsabilidade nos tempos da pandemia e destaca a súa participación esencial nos grandes éxitos do Xacobeo

Anima a sacar proveito da oportunidade dos fondos europeos para o deseño de ofertas turísticas atractivas e a seguir facendo uso das axudas habilitadas polo Goberno autonómico para a actualización dos negocios
 
Rueda, na cea gala da hostalaría.

 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, invitou á hostalaría e o turismo galego a vivir unha década xacobea da man da súa transformación sustentable e da súa resiliencia e profesionalidade. O titular do Goberno galego participou esta tarde na Gala de Hostalería e Turismo da provincia de Pontevedra e recolleu o premio que a organización entregou ao Xacobeo pola promoción turística do Camiño Portugués. 

O mandatario galego agradeceu ao sector a súa responsabilidade nos tempos de pandemia e destacou a súa participación esencial nos grandes éxitos do Xacobeo, con cifras récord tanto de peregrinos como de turistas. Alfonso Rueda avanzou que as previsións para este ano tamén son excepcionais porque os peregrinos acostuman volver como turistas e porque a recuperación do turismo internacional vai ser xa completa. Recordou que, ademais, neste 2023 se celebra o 30 aniversario da declaración do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade e tamén 30 anos da celebración do primeiro Xacobeo, o do ano 1993. Ao seu entender, daquela o mundo decatouse de que “en Galicia había un Camiño por descubrir” e agora descubriu que “Galicia é o Camiño”.  

Coa vista posta xa nos vindeiros Anos Santos -2027 e 2032- Rueda animou a sacar proveito da oportunidade dos fondos europeos para o deseño de ofertas turísticas atractivas e a seguir facendo uso das axudas habilitadas polo Goberno autonómico para a actualización dos negocios. 

 

En concreto, o presidente da Xunta referiuse ao Plan Xacobeo Next Generation -que conta con 39,2 millóns de euros e que permitirá investir o 40 % do seu orzamento na provincia de Pontevedra-, para rehabilitar e poñer en valor o patrimonio, promocionar a Traslatio, o cicloturismo e o Camiño seguro en familia, e poñer en marcha plans de sustentabilidade turística para que Galicia siga escalando posicións como destino. A maiores, disporán do Plan do Litoral, con 29,3 millóns para potenciar a costa no litoral pontevedrés, e do Plan enogastronómico de Galicia, que conta cunha partida de 34,5 millóns dos que 8 son para a provincia de Pontevedra. 

Por outra banda, a Xunta de Galicia -que como indicou o presidente quere seguir da man do sector nesta oportunidade histórica- segue a convocar axudas para eficiencia enerxética e mellora dos locais de hostalería e restauración. 

Alfonso Rueda felicitou a todos os premiados, aos que recoñeceu o seu esforzo e profesionalidade nuns tempos moi difíciles, y fixo extensivo a todo o sector o premio dedicado ao Xacobeo pola súa implicación na promoción do Ano Santo e na acollida a peregrinos e turistas.

 

Arriba