O presidente da Xunta anima á mocidade a sumarse a outro ano turístico de récord co inicio na próxima semana do programa Xacobeo Xove
O presidente da Xunta participou na presentación desta iniciativa en Sigüeiro (Oroso), acompañado da conselleira de Política Social e Xuventude
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, animou á mocidade a contribuír a que Galicia acade outro ano de récord turístico a través de apoios como o programa Xacobeo Xove, do que a xente moza xa poderá comezar a desfrutar a partir da próxima semana.
O titular do Executivo autonómico, acompañado da conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, participou hoxe na presentación desta iniciativa en Sigüeiro (Oroso) pola que a Xunta ofrece descontos en establecementos turísticos do Camiño de Santiago a menores de 30 anos.
Rueda lembrou que este programa vai dirixido a todos os mozos que contan co Carné Xove, é dicir, que teñen entre 18 e 30 anos. A Xunta achegará descontos de ata 200 euros en paquetes turísticos que ofrezan as axencias de viaxes para facer o Camiño de Santiago. O programa arranca o vindeiro 1 de xullo e rematará o 10 de decembro.
O presidente explicou que o obxectivo principal deste programa é incentivar e axudar a que a xuventude faga o Camiño -un terzo dos peregrinos xa son menores de 30 anos-, pero tamén colaborar co sector turístico e contribuír a seguir batendo récords de cifras turísticas na comunidade. “Hai moita xente nova que xa pensa que facer o Camiño é un planazo pero faltáballe ese pequeno empurrón”, afirmou o titular do Goberno galego.
Nesta liña, Rueda subliñou que “o Camiño de Santiago é potente e atractivo, e que se están facendo as cousas ben”, como indican as cifras. Ata agora xa se entregaron máis de 162.000 compostelas -o que supón un 19 % máis que no mesmo período de 2022- e que Galicia leva rexistrados máis de 1,5 millóns de viaxeiros e 2,7 millóns de noites, é dicir, un 15 e un 12 % máis, respectivamente, que no 2022.