22 abr 2024

A Xunta autoriza un novo convenio co Concello de Vigo para a posta en marcha do Plan de Sustentabilidade turística de Bouzas por 2M€

Vila de Bouzas

O Consello da Xunta autorizou o luns 22 de abril a subscrición dun novo convenio de colaboración co Concello de Vigo para a posta en marcha do Plan de Sustentabilidade Turística do Casco Histórico da Vila de Bouzas por valor de 2M€ que se desenvolverá ata o ano 2026. Enmárcase no Plan Territorial Cascos Históricos e Vilas termais deseñado polo Goberno autonómico con fondos europeos Next Generation e súmase ao autorizado para a cidade de Vigo por outros 2M€, neste caso, incluido noutro dos Plans Territoriais da Xunta, o Enogastronómico. 

No que se refire ao autorizado para a vila de Bouzas, a folla de ruta inclúe, entre outras, a posta en marcha dun plan de xestión de residuos, un plan de renaturalización do litoral do casco histórico ou a mellora do sistema de iluminación con sistemas de baixo consumo e autosuficientes. Tamén se prevé o proxecto de humanización da Rúa do Pazo-Casco antigo de Bouzas, unha estratexia de promoción dixital do casco antigo e festas culturais como Brincadeira, entre outras.

Esta nova folla de ruta para Vigo forma parte do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística Vilas Termais e Cascos Históricos deseñado por Turismo de Galicia con fondos europeos Next Generation que botou a andar este 2024 e ten unha vixencia ata 2026.  Ademais deste convenio con Vigo e cos de Allariz e a Deputación de Ourense xa autorizados, tamén se inclúen os que se irán autorizando próximamente como o centro histórico de Ferrol e Patrimonio militar da Costa Ártabra; o plan Mar de Santiago; e os do centro histórico de Betanzos, o de Tui, e Ribeira Sacra. O Plan territorial inclúe, ademais, a posta en marcha de medidas destinadas ao sector e o concellos, a través de liñas de axudas que se irán deseñando ao longo deste ano. 

4M€ en Vigo

Con estes 2M€ para o Plan de Sustentabilidade Turística da Vila de Bouzas, e os outros 2M€ que a Xunta de Galicia tamén promove para a cidade co Plan de Sustentabilidade Turística en Destino de Vigo son xa 4M€ os destinados a políticas de sustentabilidade turística con fondos europeos na cidade. Ambos os plans están convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e se executarán ao abeiro dos fondos Next Generation. Durante o proceso, a Xunta de Galicia velou para que fosen proxectos ben planificados e xustificados no marco da convocatoria. 

Arriba