15 abr 2024

O Consello da Xunta autoriza un investimento de 1M€ en Allariz no Plan Territorial de Sustentabilidade Turística Vilas Termais e Cascos Históricos

Contorna do Río Arnoia

O Consello da Xunta autorizou a subscrición dun convenio de colaboración co Concello de Allariz por 1M€, a segunda medida aprobada ao abeiro do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística en Vilas Termais e Cascos Históricos que a Xunta de Galicia impulsa este ano 2024 cun investimento global de 23M€ con fondos Next Generation. Este Plan territorial galego engloba oito estratexias en medio cento de concellos -como a autorizada- entre outras accións.

O convenio autorizado permitirá, en concreto, levar a cabo actuacións que impulsen o turismo sostible no concello ourensán, con medidas como a rexeneración natural do corredor verde ao redor do río Arnoia no seu trazado municipal, a mellora do entorno e recuperación ambiental do manancial de augas minero medicinais de Santán, melloras de eficiencia enerxética no Museo do Xoguete ou unha rede de puntos de carga para vehículos eléctricos.
Tamén se prevé a sinalización intelixente e incorporación de paneis informativos en equipamentos turísticos, unha estratexia de transformación dixital en sectores de aloxamento, restauración, artesanía e comercio ou a creación de produto turístico gastronómico baseado no produto local, entre outros. 
 
Terceiro plan territorial
 
O Plan Territorial de Sustentabilidade Turística Vilas Termais e Cascos Históricos deseñado por Turismo de Galicia con fondos europeos Next Generation onde se insire este convenio ten unha vixencia ata 2026.  Ademais do convenio co concello de Allariz e o autorizado hai unhas semanas coa Deputación de Ourense, tamén se inclúen os que se irán autorizando próximamente. Trátase do do centro histórico de Ferrol e Patrimonio militar da Costa Ártabra; o plan Mar de Santiago; e os do centro histórico de Betanzos, da vila de Bouzas (en Vigo), o de Tui, e Ribeira Sacra. O Plan territorial inclúe, ademais, a posta en marcha de medidas destinadas ao sector e o concellos, a través de liñas de axudas que se irán deseñando ao longo deste ano. 
 
O Plan de Vilas Termais e Cascos Históricos é o terceiro que a Xunta de Galicia pon en marcha cos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para aproveitar o financiamento europeo, tras o Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral (2022-2024) e o de Enogastronomía (2023-2025).
 
Arriba