23 nov 2024

Xosé Merelles aposta por potenciar eventos como Castes como factor desestacionalizador do turismo

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou o carácter desestacionalizador de Castes, Feira Independente do Viño que cunha previsión de asistencia nesta edición superior ás 1.500 persoas favorece o fluxo de visitantes na Ría de Arousa este mes de novembro.

Durante a súa intervención, no decurso da gala na que se fixeron entrega dos premios Castes do Viño que se celebrou en Vilagarcía de Arousa, Xosé Merelles destacou a importancia da cultura vitivinícola desta zona e de Galicia en xeral, capaz da atraer cada vez máis visitantes ao redor do proceso de elaboración do viño.

Precisamente, a Xunta coñecedora do atractivo que supón a gastronomía e o enoturismo, está a desenvolver o Plan Territorial de Sustentabilidade Turística Enogastronomía de Galicia, no que inviste 34,5 millóns de euros de fondos Next Generation destinados fundamentalmente a dinamizar o tecido socioeconómico do territorio, poñendo en valor as zonas vitivinícolas, mellorando a súa comercialización e promovendo novos produtos turísticos cuxo eixo sexa a enogastronomía de Galicia.

Castes, Feira Independente do Viño estase a desenvolver ata este domingo en Vilagarcía cunha participación de máis de 100 adegas de España, Portugal, Francia e Italia. A programación desta cita é diversa con propostas formativas na Aula Castes; musicais con Castes The Musical; de encontro como Castes Late Wine `The Show’ e o VI Campionato de cata que terá lugar este domingo.

Arriba