10 dec 2024

Xosé Merelles salienta o valor turístico das tradicións do Nadal que animan a visitar cidades e vilas neste mes

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na inauguración do Belén da Catedral de Santiago de Compostela, da súa propiedade grazas á colaboración de Turismo de Galicia, que este ano estará exposto e repartido por primeira vez en dúas sedes simultáneas: a Igrexa do Convento do Carme e a Igrexa de San Agostiño.

Durante a inauguración das dúas mostras, nas que participou o deán da Catedral de Santiago, José Fernández Lago, o director de Turismo de Galicia subliñou a importancia de contar con atractivos turísticos relacionados coas tradicións do Nadal en cidades, “o que esperta o interese de visitantes ao redor das celebracións e dinamiza a actividade económica e social das distintas localidades”.

Xosé Merelles tamén se referiu ao valor turístico do Nadal galego que inclúe distintas propostas lúdicas e de lecer para residentes e visitantes. Así, destacou a variedade de oferta recollida na publicación ‘Nadal en Galicia’, de Turismo de Galicia, que inclúe desde mercadillos, ata beléns e outras actividades repartidas polos concellos e cidades galegas. Entre elas, anima a visitar o Belén Artesanal de Valga e o de Begonte, ambos declarados de interese turístico.

‘Nadal en Galicia’ inclúe a edición dunha guía na web de Turismo de Galicia e enmárcase no compromiso por desestacionalizar a actividade turística e facer de Galicia un destino atractivo fóra de tempada coa intención de repartir temporal e xeograficamente a chegada de viaxeiros e tamén os beneficios económicos que supón.

Dúas sedes en Santiago

Referíndose ao Belén da Catedral de Santiago, o director de Turismo de Galicia eloxiou o feito de que este ano se localice en dous puntos da cidade, o que anima a facer un pequeno percorrido turístico para visitar os dous nacementos.

Ademais, eloxiou as dúas montaxes de grandes dimensións que ocupan, no caso do Belén Popular da Igrexa de San Agostiño unha superficie de 70 m2 e 50 m2 o Belén Napolitano instalado na Igrexa do Convento do Carme. En total, sumarán máis de 1.000 figuriñas elaboradas de modo artesanal, algunhas delas con automatismos, que amosarán distintas escenas do Nacemento, da Anunciación e tamén do cortexo dos Reis Magos.

Os dous beléns estarán abertos ao público ata o 6 de xaneiro. O Belén Napolitano da Igrexa do Convento do Carme poderá visitarse todos os días de 10,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 21,00 horas salvo o 25 de decembro e o 1 de xaneiro que só estará aberto en horario de mañá. O Belén Popular instalado na Igrexa de San Agostiño terá o mesmo horario que o do Convento do Carme pero neste caso, o horario de peche diario será ás 20,00 horas. Pola contra, o 25 decembro e o 1 de xaneiro só se poderá visitar pola tarde.

Arriba