Adxudicada por preto de 800.000 € a rehabilitación integral da Estación Marítima de Vilagarcía de Arousa para un centro de recepción de peregrinos
A Xunta de Galicia vén de facer pública a través da Plataforma de Contratación a adxudicación á empresa Citanias Obras y Servicios por un importe de 791.161,16 euros das obras de rehabilitación integral da Estación Marítima no peirao de pasaxeiros de Vilagarcía de Arousa para crear un centro de recepción de peregrinos náuticos da Ruta Traslatio.
A acción enmárcase no Plan Xacobeo Next Generation que inclúe distintas actuacións, entre as que se atopan o proxecto de integración de valorización da Ruta Traslatio con distintas iniciativas en clubs náuticos da ruta fluvial, entre outras.
Así de cara a revalorizar este roteiro marítimo-fluvial, procederase a demoler dúas edificacións que na actualidade non se estaban a utilizar e acometerase a rehabilitación integral da estación marítima do peirao de pasaxeiros do Porto de Vilagarcía de Arousa, incluíndo unha planta baixa con espazo para tenda, aseos, salón de usos múltiples, almacén, sala de caldeiras, entre outras.
O proxecto tamén inclúe a urbanización das zonas onde actualmente se sitúan as edificacións a demoler e unha zona aberta lindeira á estación marítima.