12 dec 2024

Unha nova obra en inglés sobre a figura de Elías Valiña enriquece a Biblioteca de temas do Xacobeo

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, eloxiou a produción de libros e estudos ao redor do Camiño de Santiago que enriquecen a cultura e a tradición xacobea. Xosé Merelles participou na presentación no Museo das Peregrinacións do libro Pilgrim Spirit: Elías Valiña and the Revival of the Camino 1959-1989, editado pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA), obra de Luís Celeiro Álvarez traducida por Laurie Dennett.

Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia tivo palabras de felicitación para os autores e a entidade editora da publicación, pero tamén para a persoa inspiradora do estudo, Elías Valiña.

Sobre o párroco, destacou que se está a celebrar o 35 aniversario do seu pasamento e que forma parte da memoria colectiva da cultura xacobea grazas á frecha amarela que ideou para guiar aos peregrinos na súa viaxe a Compostela. “Elías Valiña tivo, desde O Cebreiro, unha perspectiva global dun acontecemento de inigualable alcance” como é o xacobeo, afirmou Xosé Merelles.

Referíndose á obra presentada, a tradución ao inglés do Elías Valiña, Valedor do Camiño.2007, o director de Turismo de Galicia destacou que se “suma  á extensa bibliografía sobre o Camiño e a súa repercusión”, subliñando a dimensión internacional que acada ao tratarse dunha obra en inglés. Neste sentido, asegurou que “hoxe mesmo levamos contabilizados 497.164 peregrinos que conseguiron a Compostela ao longo deste 2024, dos cales o 58% son estranxeiros”.

Arriba