24 xan 2025

Galicia pecha a súa presenza en Fitur con dúas propostas para continuar avanzando en desestacionalización do destino

Galicia puxo fin ás xornadas de presentación de destino de Fitur 2025 dirixidas ao sector profesional do ámbito turístico con dúas propostas que permiten afianzar a estratexia de desestacionalización. O xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas foi o encargado de promover o turismo termal e o director de Turismo, Xosé Merelles, presentou o produto ‘Trens Turísticos’, promovido con Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde).

Durante a presentación de ‘Termalismo en Galicia, Auga para os sentidos’, Anotonio Casas salientou que Galicia é o segundo lugar de Europa con maiores reservas de augas mineromedicinais, o que deu lugar a que a comunidade conte con máis de 20 balnearios, o que supón o 20% da oferta termal de toda España.

Neste sentido, presentou unha guía que recolle a oferta de hoteis balneario, talasos e balnearios sen aloxamento. En total, 24 establecementos localizados na provincia da Coruña (2 balnearios); Lugo (4 balnearios e 1 talaso); Ourense (6 balnearios) e Pontevedra (8 balnearios e 3 talasos). Ademais, nunha aposta pola dixitalización do destino, a APP Galicia Termal inclúe esta oferta xunto con outra información de utilidade para o visitante.

Trens turísticos

Finalmente, o director de Turismo de Galicia presentou o produto turístico ‘Trens Turísticos’, un programa que aposta pola mobilidade segura, a sostibilidade e a calidade. O visitante, ademais de percorrer a Comunidade, pode gozar de propostas do destino galego como a cultura da camelia, os faros da costa galega, a viticultura, a gastronomía ou o rico patrimonio natural e arquitectónico de Galicia. O programa arranca este ano cun total de 2.530 prazas repartidas en 33 saídas, que se desenvolverán entre marzo e outubro.

Tanto a oferta de turismo termal coma os Trens Turísticos son dúas propostas coas que a Axencia de Turismo de Galicia quere seguir afondando na súa estratexia de desestacionalización do destino.

Galicia continúa amosando a súa oferta turística en Fitur pero será xa cunha programación dirixida a público en xeral na que non faltan obradoiros artesáns, degustacións gastronómicas e actuacións musicais, entre outras.

Arriba