Xosé Merelles estuda coa Mancomunidade de Concellos do Camiño Francés novas accións de colaboración en 2025
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantivo un encontro coa presidenta da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés e alcaldesa de Triacastela, María Olga Iglesias, no que abordaron distintas liñas de colaboración ao longo deste 2025. Tamén estiveron presentes os rexedores do Pino, Palas de Rei e Molinaseca.
Turismo de Galicia e esta entidade veñen mantendo unha intensa colaboración na promoción do Camiño Francés, o itinerario máis elixido cada ano polos peregrinos. En 2024, foi percorrido por 236.380 persoas e no que vai de ano, xa o fixeron 1.532.