A Xunta e o Cluster de Turismo de Galicia alíñanse na concreción e promoción do produto Galicia Destino Sostible
‘O valor de avanzar en común’ foi o título elixido para o encontro do club de produto Galicia Destino Sostible creado no marco do convenio de colaboración asinado entre Turismo de Galicia e o Cluster de Turismo en 2022. Este acordo permitiu a creación e consolidación desta proposta turística en materia de sostibilidade. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na xuntanza do sector onde salientou a vontade de ambas partes para aliñar esforzos e apostar pola sostibilidade como eixe da oferta turística galega.
Xosé Merelles puxo en valor que no marco deste acordo e como desenvolvemento do produto Galicia Destino Sostible, sexan máis de 140 as empresas que ofrecen 160 experiencias turísticas sostibles e agradeceu moi especialmente o traballo realizado polo Cluster de Turismo.
Deste xeito, “Galicia preséntase ante o visitante como un destino de calidade, sostible” cun valor coma o Camiño de Santiago, ao que se referiu como “un dos nosos recursos que entroncan coa sostibilidade en canto que conxuga hospitalidade, natureza, convivencia e respecto polo medio, paisaxe e tantos outros atributos valorados polos peregrinos”.
Turismo de Galicia e o Cluster de Turismo asinaron en 2022 un convenio de colaboración para a creación e consolidación dun produto turístico sostible, no que a Xunta investiu máis de 1M€.