O delegado territorial da Xunta en Pontevedra participa nun dos ‘Buses do Viño’ do programa de promoción do enoturismo ‘Primavera de Portas Abertas’
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou a bodega Mar de Frades con motivo da campaña Primavera de Portas Abertas que a Xunta está a levar a cabo e que ten como obxectivo potenciar o enoturismo en Galicia.
A iniciativa, que está organizada pola Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, en colaboración coas Asociacións das Rutas dos Viños das cinco Denominacións de Orixe galegas: Monterrei, Valdeorras, Rías Baixas, O Ribeiro e Ribeira Sacra, contou cunha moi boa acollida ata o momento e está a demostrar ser unha ferramenta efectiva na promoción dos produtos vinícolas galegos.
O delegado territorial participou nunha das oito experiencias que se realizarán relacionadas coa Denominación de Orixe Rías Baixas. Trátase de oito ‘Buses do Viño’ que por un prezo de 10 euros por adulto e 5 por neno menor de 13 anos, levarán aos visitantes por unha ruta de bodegas nas que, ademais de probar os exquisitos viños desta denominación de orixe, poderán coñecer de primeira man o proceso para a súa produción.
Reguera aproveitou a visita para lembrar a importancia de “dar a coñecer uns produtos e unha tradición que son unha mostra clara da excelencia e do cariño con que se fan as cousas en Galicia”, ademais sinalou que “dende as institucións, pero tamén como cidadáns, temos que seguir apoiando e visitando estes lugares para darlle o valor que realmente teñen”.