21 mai 2025

A Xunta promove esta fin de semana unha nova edición da Ruta dos Viños da Ribeira Sacra

A Xunta, a través de Turismo de Galicia, promove unha nova edición da Primavera de Portas Abertas na Ruta dos Viños da Ribeira Sacra. 

Haberá un amplo programa de actividades enolóxicas e culturais, con visitas ás 13 adegas participantes, catas e percorridos para coñecer a paisaxe e o patrimonio da zona. 

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias; o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián; e o presidente do Consello Regulador da Denominación, Antonio Lombardía, presentaron o programa na Delegación Territorial da Xunta.

Como é habitual ofértanse os Buses do Viño, con catro saídas o sábado pola mañá dende de Lugo, Ourense, A Coruña e Vigo; e tres o domingo dende Lugo, Ourense e Santiago de Compostela. Cada un deles fará unha ruta diferente que durará toda a xornada. 

Este servizo de transporte conta cun guía que acompañará aos asistentes no traxecto por adegas, museos, igrexas, miradoiros e outros enclaves emblemáticos. Entre as propostas figuran visitas teatralizadas ao casco vello de Chantada ou á Torre da Homenaxe de Monforte de Lemos. 

Ademais, ofrécense unha ducia de actividades en diferentes localizacións da Ribeira Sacra. Entre elas figura a cata maridaxe Viños e Flores; o concerto do grupo de jazz Gabi Triana Quintet acompañado dunha degustación de viños nos arredores do embarcadoiro dos Chancís, en Sober; rutas polo Camiño de Inverno; itinerarios por igrexas románicas e miradoiros; percorridos en lancha e barca polo río Miño; unha excursión en segway e visitas ao Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra, ao Ecomuseo de Arxeriz e ao Museo Etnográfico de Quiroga. Toda a información e detalles das reservas poden consultarse na páxina web de Turismo de Galicia.

Arriba