O novo Festival Galicia Fest congrega en Vigo o mellor indie-pop nacional no marco dos concertos do Xacobeo
Vigo súmase aos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia cun novo fito: o novo Festival Galicia Fest no Peirao de Transatlánticos da cidade olívica, que terá lugar os días 29 e 30 de agosto. Así o presentou en rolda de prensa o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles. No acto, que tivo lugar no mesmo espazo onde se celebrará o festival, Merelles estivo acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz.
No acto de presentación do Galicia Fest celebrado en Vigo, Xosé Merelles salientou que “co apoio dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia, Vigo suma un novo e singular evento ao seu calendario estival, que situará á cidade olívica no mapa estatal das citas estivais de referencia coa música en vivo”.
Merelles apuntou, tamén, que “Galicia Fest non só busca ofrecer concertos, senón crear un espazo de encontro, gozo e descubrimento no corazón de Vigo. A cita será unha oportunidade única para vivir o verán desde unha perspectiva musical fresca, urbana e con ganas de deixar pegada, cun cartel atractivo para as audiencias máis actuais”. E rematou destacando que “a cita será un novo motor socio-económico da contorna urbana, xerando gasto e riqueza cultural e converténdose nun activo da cidade para atraer a públicos curiosos de diferentes puntos de España”.
Pola súa banda, Ana Ortiz destacou que o Goberno galego aposta de forma decidida pola cultura en Vigo. "Desde a Xunta existe un absoluto compromiso coa oferta musical e cultural da nosa cidade e este festival é outra proba que se suma a eventos como o concerto de Anastacia ou o Festival Musicav de jazz", sinalou. Ademais, a delegada apuntou que non será o último anuncio por parte dos Concertos do Xacobeo para Vigo. "Moi pronto teremos algunha novidade máis", sinalou.
Ata o de agora a Xunta promoveu en Vigo os concertos de Ivan Ferreiro, Anastacia e eventos coma One Dance Festival, Vigo Porté e o espectáculo Carmina Burana de La Fura dels Bauls.
Galicia Fest é un novo festival de indie-pop que chega con ganas de marcar un antes e un despois no calendario musical de Galicia e do norte de España, como unha cita fundamental para os amantes da música en directo. Este evento, que nace coa intención de converterse nunha referencia dos festivais de formato medio, combina unha localización privilexiada, un cartel de primeiro nivel e unha ambiciosa proposta: ofrecer unha experiencia moderna, cultural e emocional, aliñada coas tendencias dun público novo e adulto que busca gozar da música nun entorno urbano, fresco e cheo de enerxía.
Un cartel de altura
No marco dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia, o cartel do Galicia Fest 2025 reúne artistas de renome cunha traxectoria consolidada en festivais e xiras por todo o país. Entre os nomes confirmados destacan Leire Martínez —na súa primeira xira en solitario tras a súa etapa en La Oreja de Van Gogh—, Sexy Zebras, La Habitación Roja, Dorian, Fredi Leis, Maldita Nerea, Beret —quen ofrecerá a súa única data en Galicia en 2025—, ademais de Marlon, Éxtasis, Samuraï, Hey Kid, Noan e Paula Koops. Aínda quedan por anunciar novos cabezas de cartel, que completarán un elenco de artistas pensado para atraer un amplo espectro de público, especialmente entre os 20 e os 40 anos.
As entradas para esta primeira edición do Galicia Fest poranse á venda mañá venres, 30 de maio, a partir das 12.00 horas, a través da web oficial do festival.
Un programa plural que apoia os principais eventos de Galicia
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que da cobertura a todas as grandes citas e espectáculos musicais en 2025, como o Gozo Festival, O Son do Camiño, o Morriña Fest, o novo Festival Jaleo!, o PortAmérica, o Resurrection, o Caudal Fest, o Río Verbena, o Orballo Cultural e máis dun centenar de festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 50 localidades de toda Galicia.
Máis de 700 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán neste 2025 os Concertos do Xacobeo. A aposta pola calidade e a diversidade de gustos e estilos para diferentes xeracións de públicos constitúe un atractivo único programa, que un ano máis propón 12 meses de música en directo, favorecendo o turismo e a oferta cultural de xeito deslocalizado ao longo de todo o ano. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.