O programa Masterchef pon en valor o Camiño de Santiago e o Patrimonio do Interior de Galicia
O talent culinario MasterChef que La 1 e RTVE emitirá, amosará os atractivos naturais e patrimoniais do Mosteiro de Oseira, despois de que se gravase neste espazo o pasado mes de marzo, co apoio de Turismo de Galicia. Este enclave de enorme valor patrimonial atópase no Camiño Mozárabe-Vía da Prata e no que vai de ano máis de 3.000 peregrinos xa fixeron esta ruta.
A gravación do talent culinario producido por RTVE en colaboración con Shine Iberia serviu para promocionar o Camiño de Santiago, ademais doutros atractivos turísticos paisaxísticos e patrimoniais do interior de Galicia, concretamente da comarca do Carballiño, xunto coa gastronomía e os produtos locais.
Concretamente, os aspirantes do concurso elaborarán un menú con produtos da zona que degustarán 60 peregrinos. Como é habitual, o programa gravado en Galicia tamén contou coa participación dos televisivos xuíces gastronómicos Pepe Rodríguez, Jordi Cruz e Samantha Vallejo-Nágera.
Con esta acción, Turismo de Galicia está a promocionar o Camiño de Santiago, especialmente a ruta Mozárabe-Vía da Prata, a de maior percorrido con 213,1 km, que conta ademais, ao seu paso por Oseira, cun albergue de peregrinos da Rede Pública do Xacobeo.
A emisión do talent culinario MasterChef súmase a outras moitas dentro da planificación de promoción do destino galego que a Xunta leva a cabo na Estratexia de Turismo de Galicia 2030.
A emisión do programa engade ademais un novo valor ao contar coa colaboración dos futuros profesionais do sector que están a realizar os seus estudos no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), e que precisamente celebra este curso o seu 30 aniversario. O CSHG colabora con máis de 100 cadeas hostaleiras internacionais e na actualidade, os titulados traballan en postos directivos e de cociñeiros en máis de 80 países.