O Plan de Inspección Turística da Xunta vén optimizándose nos últimos anos tamén con ferramentas para loitar contra o fraude na internet
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, compareceu na Comisión 6ª do Parlamento de Galicia para explicar os detalles do Plan de Inspección Turística que a Xunta vén aplicando anualmente desde 2008. O plan deste ano foi aprobado no Consello do Turismo de Galicia o pasado 8 de abril.
Xosé Merelles subliñou que ante un maior número de vivendas de uso turístico e a irrupción das plataformas nas que se anuncian, este labor inspector se veu intensificado nos últimos anos optimizando as ferramentas para loitar contra o fraude na internet. “Isto permítenos ter datos reais, contrastados e un diagnóstico claro sobre a situación deste tipo de aloxamentos”, afirmou.
A actividade de inspección tamén se está reforzando cun novo proceso selectivo que suporá a incorporación de seis novos inspectores a este corpo.
Durante a súa comparecencia, Xosé Merelles salientou que “o plan de inspección 2025 é unha ferramenta estratéxica para a orde e a calidade do turismo galego” e destacou que os seus obxectivos se concretan en actuacións específicas, como a verificación de declaracións responsables, o control das vivendas de uso turístico, das empresas de turismo activo, das axencias de viaxes ou dos restaurantes que operan fóra da súa clasificación.
Referíndose á actividade inspectora desenvolta no último ano, o director de Turismo de Galicia salientou que só en 2024 se levaron a cabo un total de 4.134 actuacións (un 15 % máis que en 2023), das que 3.903 están pechadas, o que supón un 94 % do total, que mostra a alta efectividade e capacidade de resolución da inspección turística.
Tipos de actuacións: actas, informes e expedientes
Especificando o tipo de actuación realizada nos dous últimos anos, o director de Turismo de Galicia afirmou que no que se refire a actas e informes emitidos “temos 3.110 no ano 2023, e 3.915 no ano 2024, o que supón un incremento do 26 %”, mentres que en expedientes sancionadores, “levantáronse 362 no ano 2023 e 408 no ano 2024, o que leva a un incremento do 13 %”.
En relación coas tipoloxías das visitas e dos establecementos, Xosé Merelles salientou que a maioría das actuacións atenden a expedientes de altas, baixas ou modificacións; actuacións de oficio ou informes previos; denuncias e reclamacións. Por tipoloxía de establecemento, a inspección abrangue desde hoteis, pensións, apartamentos turísticos, VUTs, cafeterías, ata albergues, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, vivendas turísticas, guías e outro tipo de actividades complementarias.
O director de Turismo agradeceu o traballo das cinco áreas de inspección que veñen realizando en base a unha planificación e ordenación de toda a actividade turística. Neste sentido, subliñou que actúan como garantes do cumprimento da legalidade en cuestións coma a creación de novos recursos turísticos sen esquecer o labor de asesoramento e acompañamento na posta en marcha de novos establecementos, entre outros cometidos.