09 xuñ 2025

A Xunta lanza en xullo unha nova convocatoria de bonos turísticos para mobilizar este outono 2,5 M€ no sector

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno galego lanzará en xullo unha nova convocatoria de bonos turísticos para mobilizar este outono 2,5 M€ no sector e incentivar a desestacionalización dentro de Galicia mediante o cofinanciamento de estadías e actividades.

O Consello da Xunta deu o visto e prace ao proxecto de acordo a través do cal se seleccionará unha entidade colaboradora para a nova edición do programa #DescubreGaliciaenOutono de bonos turísticos, que se encargará de xestionar a entrega e distribución dos fondos.

Así, segundo apuntou o titular do Goberno autonómico, mobilizaranse máis de 16.000 bonos que estarán dispoñibles en formato código QR. Cada persoa poderá acceder a un máximo de dous bonos, que serán cada un dun importe de 150€, cofinanciados nun 40 % pola Xunta de Galicia e nun 60 % polas persoas solicitantes. Estas últimas deberán, por tanto, aboar 90€ por cada bono, 180€ no caso de que accedan aos dous máximos, que lles facilitarán ata 300€ para gozar dunha estadía o vindeiro outono nalgún dos establecementos participantes no programa.

En total, a Xunta investirá este ano 1 M€, a través dos cales se espera mobilizar ata 2,5 M€ no sector “durante o vindeiro outono”.

O presidente sinalou que a publicación da convocatoria no DOG será previsiblemente en xullo, mes en que se poderán adherir os establecementos interesados en participar no programa. Poderán apuntarse aqueles establecementos de aloxamento da comunidade autónoma e axencias de viaxes que teñan un centro de traballo en Galicia e desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado á comunidade. Deberán estar dados de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) no momento da publicación da convocatoria.

Posteriormente, tamén durante ese mesmo mes, abrirase o prazo para que o público en xeral poida descargar os bonos, que se concederán polo procedemento de concorrencia non competitiva.

Para as persoas interesadas en conseguir algún dos bonos turísticos, estes estarán dispoñibles na web www.bonoturismo.gal, tras da publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG). O período de desfrute dos bonos será desde mediados de setembro ata o Nadal. O programa está dirixido a persoas maiores de idade residentes en Galicia, que deberán encher un sinxelo formulario para acceder á descarga.

Desestacionalización e promoción do turismo interno

Tal e como lembrou o titular do Goberno galego, os bonos turísticos xurdiron no contexto da pandemia da COVID-19, co obxectivo de “estimular un turismo que tiña que volver a revitalizarse”. Desde entón, a iniciativa evolucionou ata consolidarse como un referente na promoción do turismo fóra da temporada alta, que fomenta ademais o sector turístico e as viaxes dentro da propia comunidade.

Rueda lembrou que durante estes cinco anos (2020-2024), puxéronse en circulación máis de 63.000 bonos turísticos e mobilizáronse máis de 16,5M€ no sector turístico galego. Deles, 2,5 M€ mobilizáronse só en 2024 cando tamén participaron máis de 400 establecementos de toda Galicia.

Arriba