A Xunta licita por 230.000€ a creación do Clúster Transfronteirizo de Turismo Galicia-Norte de Portugal
A Xunta de Galicia abriu o proceso a través da cal se oficializará o Clúster Transfronteirizo de Turismo na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. A licitación ten por obxecto a contratación do servizo de creación do ClusterTur, que deberá desenvolverse antes do 31 de decembro deste ano.
O proxecto, presentado en agosto de 2024, nace ao abeiro da iniciativa CLUSTERTUR_GNP, financiada polo Programa de Cooperación Transfronteiriza Interrex España-Portugal (POCTEP). No seu desenvolvemento, Turismo de Galicia colabora coa Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal(GNP-AECT), Associaçao de Turismo do Porto e Turismo do Porto e Norte de Portugal. O seu obxectivo principal é promover a cooperación entre os distintos sectores e actores turísticos da Eurorrexión, de tal modo que se potencie a competitividade das empresas e se avance na internacionalización do mercado desde un modelo sostible.
Para iso, a licitación prevé a realización de distintas accións de traballo en rede, que favorezan a creación de produto turístico transfronteirizo, así como a venda intrarrexional. Tamén se contempla o desenvolvemento dunha estratexia de promoción e comercialización do destino, dirixida tanto ao mercado ibérico como a outros países, entre eles Francia, Italia, Estados Unidos e Canadá. O Camiño de Santiago constitúe outro dos eixos a través dos que traballará o ClusterTur, mediante a posta en valor do Camiño Portugués.
O orzamento base de licitación é de 230.000€. O proxecto está cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.
Portugal constitúe o primeiro país emisor de turistas para Galicia, unha tendencia que se mantén nos últimos anos. En 2024 rexístranse preto de 650.000 noites de viaxeiros procedentes do país luso, unha cifra que supón o 5% do total da comunidade e que o sitúa como no primeiro territorio internacional de procedencia de visitantes.
Os datos do primeiro cuadrimestre de 2025 confirman esta tendencia, con 96.000 pernoctacións procedentes do país veciño, o 5,0% do total da comunidade.
No que vai de ano, 10.475 persoas procedentes de Portugal recolleron a Compostela, chegando a Santiago maioritariamente a través dos Camiños Portugués e Portugués da Costa. En 2024 houbo 22.413 peregrinos de Portugal, un 8% máis que no ano anterior.