O proxecto ‘Recomenda Valdeorras’ converte empresas e particulares en prescritores turísticos da comarca
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu á presentación de ‘Recomenda Valdeorras’. Este proxecto turístico, nacido en 2023, alcanza a segunda edición e busca converter a profesionais, residentes e particulares en prescritores da comarca.
Para isto, organizáronse unha serie de formacións no patrimonio cultural, natural e enolóxico da zona que tiveron. Ademais, as empresas participantes obtiveron os distintivos de calidade da marca ‘Aquí recomenda Valdeorras’.
No acto que tivo lugar esta tarde, presentouse ademais a web da iniciativa (recomendavaldeorras.gal), na que se poden consultar mapas interactivos de Google Maps con puntos turísticos de interese ou establecementos recomendados, así como información por municipios e rutas.
O director de Turismo de Galicia destacou como esta iniciativa “avanza na gobernanza no destino turístico que é un dos piares da Estratexia 2030, ao favorecer a integración da poboación local e facela partícipe da actividade turística”. Ata a data, realizáronse dúas convocatorias de ‘Recomenda Valdeorras’: unha entre os meses de abril a xuño de 2023 e outra durante a segunda quincena de outubro de 2024.
Merelles tamén destacou o potencial turístico da comarca, con importantes recursos tanto a nivel de patrimonio como de natureza e de gastronomía e, sobre todo, enoloxía. Desde Turismo de Galicia destináronse 1,5M# a través do PSTD Valdeorras Ruta do Viño Milenaria, que inclúe os concellos do Barco, A Rúa, A Veiga, O Bolo, Petín, Vilamartín, Rubiá, Larouco e Carballeda. A este sumáronse nos últimos dous anos convenios e actuacións diversas, que sitúan o investimento total na zona de Trevinca-Valdeorras en 2,86M€.
Concerto de Carlos Núñez nas Ermidas
En terras de Valdeorras, Xosé Merelles tamén asistiu ao concerto de Carlos Núñez no Santuario das Ermidas. Esta cita que forma parte dos Concertos do Xacobeo, enmárcase na xira ‘Lugares Máxicos 2025’ da man dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia. O artista actuou no Adro do Santuario das Ermidas, un espazo singular que atraeu a un numeroso público asistente.
Carlos Núñez está considerado internacionalmente como un músico extraordinario. O seu carisma, a súa enerxía, o seu espírito pioneiro fixérono moi popular, transcendendo os límites habituais dos seus instrumentos: a gaita e as frautas.