Amplíase ata o 18 de agosto o prazo para solicitar as axudas a establecementos termais por case 8 M€
O prazo para a solicitude das axudas a establecementos termais amplíase nun mes. Segundo recolle o Diario Oficial de Galicia do xoves, 17 de xullo, as persoas interesadas en solicitar algunha das dúas convocatorias de subvencións previstas terán agora ata o 18 de agosto para presentar o seu proxecto.
Estas dúas convocatorias enmárcanse no Plan de Turismo Termal de Galicia e teñen unha contía conxunta de case 8M€. A primeira das convocatorias céntrase na posta en marcha de proxectos tractores que teñan un efecto transformador no sector turístico de establecementos na categoría de hoteis balneario e hoteis talaso da comunidade, para así ampliar a oferta existente de aloxamentos turísticos deste tipo.
Esta convocatoria inclúe dúas liñas de axudas, unha primeira centrada na construción, reforma ou rehabilitación sustentable de edificios e na adaptación de infraestruturas ou instalacións para a posta en marcha dun novo establecemento turístico de aloxamento vinculado a un balneario ou talaso; e a segunda, destinada aos sistemas de enerxías renovables e economía circular no novo establecemento turístico vinculado a un balneario ou talaso. En total, ten previsto un crédito de 1,7M€, dos que 1,4M€ céntranse na primeira liña e 300.000 € na liña 2.
A segunda convocatoria subvenciona a rehabilitación ou reforma de establecementos turísticos coa categoría de hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia que xa estean en funcionamento. Nesta diferéncianse tres liñas de gasto subvencionable para cada proxecto. A primeira céntrase na propia reforma ou rehabilitación das instalacións, mentres que a liña 2 destínase a medidas de eficiencia enerxética e economía circular nas infraestruturas termais, que contribúan á mitigación do cambio climático. A terceira liña busca fomentar a difusión da cultura termal galega e do turismo de saúde, a través de iniciativas como xornadas, publicacións e programas. As axudas están dotadas con 6,085M€, que se distribúen nas tres liñas de tal modo que a primeira recibe 5,265M€, a segunda 300mil€ e a terceira 520mil€. Nas dúas convocatorias, os gastos subvencionables deberán estar pagados con data límite do 30 de xuño de 2026.
Desde Turismo de Galicia apréciase que, para promover e facilitar a participación das persoas interesadas neste procedemento, resulta aconsellable ampliar o prazo de presentación de solicitudes establecido na convocatoria ata o 18 de agosto de 2025. Inicialmente, este remataba o venres 18 de xullo.