A Xunta e a Federación Galega de Montañismo poñen a punto 151 rutas de sendeirismo nunha clara aposta pola promoción do turismo de natureza
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, realizou un tramo da ruta de sendeirismo ‘Per Caminho de Lampai’, situada no concello coruñés de Teo. A andaina enmárcase no acordo recentemente asinado coa Federación Galega de Montañismo (FGM) para a inspección das 151 sendas homologadas de Galicia.
O convenio subscribiuse para supervisar o estado de conservación das rutas inscritas no listado da FGM, de cara a reeditar o folleto ‘Sendas para descubrir un país’. Así, a Federación encargarase de requirir aos entes promotores das sendas homologadas destas provincias a súa posta a punto para despois revisalas. Se neste proceso se detectasen novas deficiencias, requirirase a súa corrección. En caso de que non se realicen estes traballos ou non sexan suficiente, a ruta será deshomologada. Inicialmente estanse a revisar as 82 rutas das provincias de A Coruña e Lugo e logo continuarase coas de Ourense e Pontevedra.
A ruta ‘Per Caminho de Lampai’ é unha das que acadou a súa homologación nos últimos anos; en concreto, en 2023. Abrangue unha distancia total de 4,45 quilómetros durante o seu percorrido circular, e pasa polo miradoiro de Agrela. Con 410m de altitude, este permite ver desde a catedral de Santiago ata a ría de Arousa. Durante o seu percorrido, Xosé Merelles, salientou “a oportunidade que ofrece estas rutas de sendeirismo para poñer en valor a oferta de turismo de natureza da nosa comunidade”.
Neste sentido, o director de Turismo sinalou o patrimonio natural de Galicia como un dos seus principais activos turísticos, citando datos da Enquisa de Turismo de Residentes de 2024, seguindo a que o turismo de natureza é o motivo para visitar Galicia dun 4,7% de visitantes nacionais. Por iso, a Estratexia de Turismo 2030 recoñece a súa importancia, vinculada tanto ao turismo activo como o rural. Na actualidade, Galicia conta con 151 sendas homologadas, que supoñen 1.967,7 quilómetros practicables.