28 xul 2025

A Xunta e a Asociación de Balnearios de Galicia estreitan lazos de colaboración para potenciar a oferta termal da comunidade

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantivo un encontro coa presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia, Marisol Espiño, que acudiu acompañada do xerente da entidade, Benigno Amor. No encontro analizaron distintas liñas de colaboración para a promoción do termalismo entre as que se atopa a actualización do banco de imaxes fotográficas e audiovisuais da oferta termal da comunidade, co fin de ofrecer unha proxección máis actual e máis acaída á calidade actual dos establecementos e servizos termais.

A presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia tamén lle trasladou ao director de Turismo que este ano celebran o seu 40 aniversario desde a súa constitución e que está prevista esta celebración a finais deste ano. Xosé Merelles trasladoulle a intención do Goberno galego de apoiar e promocionar a oferta termal como un elemento identitario e singular da proposta turística do destino Galicia.

Arriba