29 xul 2025

Omar Montes, Vicco, Lérica, Chema Rivas e Mondra súmanse ao programa das Festas de Ferrol cos Concertos do Xacobeo

Neste 2025, os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia apoian a celebración das Festas de Ferrol do 22 ao 31 de agosto, dándolle cobertura a varias citas musicais. A mellor música urbana actual encherá a Praza de Armas da localidade ferrolá da man de artistas que suman miles de escoitas nas plataformas dixitais, como Omar Montes, Vicco, Lérica, Chema Rivas e Mondra. Así o presentou en rolda de prensa o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia destacou que “a boa acollida do público, o ambiente festivo e a dinamización da economía local son claves neste proxecto que apoiamos no marco dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia”. E continuou subliñando que “na programación musical das Festas de Ferrol, coa cobertura de Turismo de Galicia, danse cita grandes figuras galegas e nacionais, con entrada de balde para todos os públicos e os xéneros musicais máis demandados”.

As Festas de Ferrol, a cita mais relevante da cidade na época estival, regresan un ano máis cun programa multidisciplinar aberto a todos os públicos e sensibilidades, con actividades que se espallarán polos diferentes barrios da localidade. Segundo explicou Xosé Merelles, “haberá música da man dos Concertos do Xacobeo, pero, tamén, animación nas rúas, cine, maxia e teatro”. As Festas de Ferrol son unha proposta de ocio de gran atractivo turístico na zona, que dinamiza o ocio, o turismo e a cultura locais durante máis dunha semana con  gran éxito de asistencia.

Así, nas Festas de Ferrol deste ano, o público poderá gozar coa música tradicional galega con tintes electrónicos contemporáneos de Mondra e cos sons máis bailables de Omar Montes, o gran exponente do ‘novo flamenco urbano’, que mestura trap, hip hop, reggae e reguetón co flamenco.

Pola súa banda, a popular participante no Benidorm Fest Vicco chegará co seu pop con influencias dos 80, o reguetón e a electrónica, mentres que Lérica fará gala do seu pop urbano, fresco, tropical e flamenco. Na cita tampouco faltará o pegadizo estilo urbano latino de Chema Rivas. Sobre esta programación musical das Festas de Ferrol, Xosé Merelles quixo facer fincapé, tamén, na “aposta pola calidade musical e as figuras máis atractivas para os públicos actuais como unha das claves do noso programa Concertos do Xacobeo”.

Concertos do Xacobeo, nos principais eventos de Galicia

A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo con máis de 150 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 70 localidades de toda Galicia.

Na provincia da Coruña, Concertos do Xacobeo suma máis de medio centenar de eventos. Concretamente, na contorna de Ferrol, superarase a decena de ciclos, festivais e concertos: o ciclo Maresía, o FeneRock, o MeirásLand, o Nachiños Fest, o Perla Mural Fest, o Orballo Cultural e os concertos das Festas de Ferrol, con Omar Montes, Mondra, Vicco, Lérica e Chema Rivas.

Turismo de Galicia potencia así o atractivo turístico nunha contorna cunha grande afluencia de visitantes na época estival fomentando en Ferrol a dinamización da economía local, co apoio a asociacións locais, motores da cultura propia, á hostalería e ao comercio; e, tamén, a posta en valor da paisaxe e a riqueza patrimonial e paisaxística local.

Máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán neste 2025 os Concertos do Xacobeo. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

Arriba