O apoio da Xunta aos eventos culturais contribúe a que os visitantes medren un 12% na cidade da Coruña
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, amosou a súa satisfacción polos datos turísticos da cidade da Coruña que indican que de xaneiro a outubro, a cidade recibiu a visita de 460.624 viaxeiros, o que supuxo un incremento do 12,4%, facendo case 950.000 noites, acadando tamén unha suba do 13,9% con respecto ao mesmo período de 2024. “Cabe salientar -engadiu- o incremento rexistrado no número de turistas internacionais que aumentou neste período de 2025 un 18,4%”.
O director de Turismo de Galicia contextualizou este comportamento turístico grazas, en parte, ao apoio que vén prestando a Xunta de Galicia á promoción turística da cidade que se ratifica nun investimento de máis de 2,2M€ en distintos eventos e espectáculos musicais e culturais no marco dos Concertos do Xacobeo. Entre eles, figura o concerto de Chayanne, Marc Anthony, Lionel Richie, entre outros, e citas coma o Encontro Mundial de Humorismo, o Forum Gastornómico, o Recorda Fest, o Morriña Fest e o Coruña Sounds.
Este conxunto de eventos na cidade forman parte dos 82 concertos, festivais e eventos musicais repartidos por toda a provincia coruñesa aos que asistiron máis de 750.000 persoas.
O director de Turismo facía estas declaracións na presentación do musical Mamma Mía! que visitará a cidade herculina do 16 ao 26 de xullo de 2026, unha das grandes producións musicais do panorama internacional do momento baseada nos principais éxitos do grupo ABBA. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañado pola delegada territorial da Xunta na cidade herculina, Belén do Campo, presentaron esta mañá o espectáculo que incluirá os principais éxitos da lendaria banda sueca.
Durante a súa intervención, Xosé Merelles puxo en valor a incorporación deste tipo de grandes producións de carácter musical á oferta turística da Coruña reforzando o posicionamento da cidade como destino turístico, cunha oferta diversa e de calidade que atrae visitantes ao longo de todo o ano.
Tal e como subliñou Merelles, “a música en vivo e os grandes espectáculos escénicos xeran un impacto directo no territorio, tanto en termos de creación de emprego como de dinamización da hostalaría, o comercio e os servizos, contribuíndo a distribuír os fluxos turísticos e a potenciar os recursos locais”.
Traducido a 15 idiomas e aplaudido por 70 millóns de persoas
O musical, que foi traducido xa a máis de 15 idiomas e aplaudido por 70 millóns de espectadores de todo o mundo, chegará á cidade da Coruña despois de tres tempadas de éxito continuado en Madrid e no marco dunha xira nacional que o levará por cidades coma Sevilla, Valladolid, Salamanca, Alacante, Murcia, Xixón, Valencia, San Sebastián e Barcelona.
O espectáculo inclúe 23 cancións emblemáticas de ABBA, como Dancing Queen, Chiquitita ou The Winner Takes It All, interpretadas en directo. Foi recoñecido cos Premios Teatro Musical á Mellor Coreografía e está concibido para públicos de todas as idades.