A Xunta impulsa o turismo deportivo sostible no sur de Galicia cun novo espazo en Mondariz-Balneario que buscar atraer competicións nacionais
A Xunta de Galicia reafirma a súa aposta polo turismo deportivo sostible como elemento estratéxico de dinamización territorial coa posta en funcionamento das renovadas instalacións deportivas de Mondariz-Balneario. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugurou este espazo deportivo co que a Xunta pretende dinamizar a oferta turística do interior do sur da provincia de Pontevedra ao tempo que “contribúe a atraer competicións deportivas de carácter supramunicipal e nacional”.
Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia subliñou que “o turismo deportivo é unha ferramenta clave para atraer visitantes durante todo o ano, diversificar a oferta turística e incrementar a estadía media”, especialmente nunha provincia como Pontevedra, que rexistra un crecemento sostido do mercado internacional, cun 39,9% do total de viaxeiros en outubro e un 35,7% no acumulado de xaneiro a outubro de 2025.
Neste contexto, salientou tamén a importancia da localización de Mondariz-Balneario, próxima ao Camiño Portugués, o segundo itinerario xacobeo máis percorrido este ano, con máis de 100.500 peregrinos, dos cales o 62% proceden do estranxeiro. “O novo espazo abre novas oportunidades para complementar a experiencia turística con propostas deportivas e de natureza”, afirmou Xosé Merelles.
Colaboración interinstitucional
A actuación enmárcase no convenio asinado en agosto de 2024 entre Turismo de Galicia e o Concello de Mondariz-Balneario que tiña como obxectivos principais mellorar as instalacións deportivas municipais e reforzar o municipio como destino de turismo deportivo sostible, combinando a práctica deportiva coa posta en valor do seu contorno natural, marcado pola presenza da Rede Natura 2000 do río Tea e por itinerarios para o paseo e a práctica da bicicleta de montaña.
O investimento total ascendeu a 483.637 euros, dos cales Turismo de Galicia achegou 180.000 euros nos anos 2024 e 2025. Entre as actuacións realizadas destacan a renovación de elementos deteriorados, como pavimentos das pistas, pechamentos, fachadas e cubertas das edificacións; a mellora integral da accesibilidade universal, resolvendo a conectividade interior do recinto e eliminando barreiras arquitectónicas; así como a adecuación dos vestiarios e doutros espazos complementarios como ximnasios, salas de readaptación e enfermería.
O proxecto incluíu tamén unha aposta decidida pola eficiencia enerxética, con edificacións de consumo enerxético case nulo e a implantación de alumeado público con tecnoloxía LED, ademais da mellora da dixitalización das instalacións mediante novos sistemas que facilitan a reserva virtual e directa dos espazos deportivos.