22 xan 2026

A Xunta anima a descubrir Galicia a través do Camiño do litoral, deseñado para vertebrar de norte a sur a costa máis extensa de España

A Xunta animou a descubrir e visitar Galicia a través do futuro Camiño do litoral, unha ruta deseñada para vertebrar de norte a sur a costa máis extensa de todo o país mediante un itinerario de aproximadamente 1.300 quilómetros e que se poderá percorrer tanto a pé como en bicicleta.

Así o salientou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a súa intervención na Feira Internacional de Turismo (Fitur) para presentar oficialmente a iniciativa, impulsada polo seu departamento como unha nova proposta turística para coñecer Galicia e poñer en valor, á vez, unha parte do territorio que resulta fundamental para entender a súa singularidade e diversidade.

Dividido nun total de 52 etapas que irán desde Ribadeo ata Tui, o futuro Camiño do litoral ofrecerá aos visitantes a oportunidade de percorrer a Comunidade dunha forma diferente, sostible e respectuosa. Con tal fin, a conselleira avanzou que o seu departamento ten reservado un orzamento de case 2 millóns de euros para garantir que esta nova ruta sexa unha realidade ao longo de 2026.

Así e despois do traballo de campo realizado por toda a costa para definir o trazado inicial e detectar posibles necesidades, explicou que a maior parte deste investimento se destinará a realizar obras e melloras que axuden a garantir un itinerario continuo, accesible e seguro. Ademais, co apoio da Axencia Turismo de Galicia tamén se acometerá a sinalización desta gran ruta co fin de dotala dunha identidade visual unificada e recoñecible e o próximo verán, porase á disposición dos visitantes unha aplicación móbil con toda a información relevante de cada etapa.

“A APP Conecta litoral será a voz que lle diga ao viaxeiro: aquí comeza a túa aventura”, proclamou a conselleira, que salientou a importancia de dar a coñecer “a flora e a fauna das distintas etapas”, a gastronomía de cada zona, a relación histórica e cultural que ten a Comunidade co mar e o seu rico patrimonio costeiro a través dun sendeiro que representa a materialización de “Galicia Calidade”.

Así mesmo, Ángeles Vázquez recordou que este ano será a antesala do Xacobeo 2027, unha data que volverá situar o Camiño de Santiago e Galicia no seu conxunto como un dos principais destinos turísticos de todo o mundo.

Tras lembrar que unha das principais razóns polas que a afluencia de visitantes á Comunidade vai en aumento ano tras ano é a súa natureza e riqueza paisaxística, a responsable autonómica recalcou que Galicia ante todo é costa, de aí a importancia de dala a coñecer apostando por iniciativas como esta, que forman parte do paquete de actuacións estratéxicas impulsadas pola Xunta desde que asumiu o pasado 1 de xullo as funcións e servizos para a xestión da franxa costeira. “Galicia é Camiño; Galicia é litoral; Galicia é calidade”, salientou.

Neste sentido, a responsable autonómica recalcou a importancia dun proxecto como Camiño do litoral para “desfrutar” da Comunidade e poñer en valor os seus 2.555 km de costa, caracterizada pola forma única e a riqueza que lle dan “as súas rías, illas e praias” así como polas diferencias xeomorfolóxicas entre as fachadas atlántica e cantábrica.

Ao respecto, Ángeles Vázquez sinalou que con este proxecto a Xunta tamén busca dinamizar a economía dos municipios costeiros —cos que abrirá unha rolda de contactos este mesmo mes para expoñerlles o trazado previsto e recoller as súas posibles achegas—, e ofrecer á vez aos galegos e ás persoas que visiten a Comunidade unha proposta turística nova e atractiva aliñada co obxectivo de avanzar cara a un litoral “sostible, respectuoso e próspero” que combine tradición e medio ambiente.

Percorrido por sete áreas paisaxísticas

Tamén asistiu á presentación de Camiño do litoral o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Merelles, quen destacou a oportunidade que supón para a oferta turística da comunidade contar cunha rede de sendeiros que vertebra máis de 1.300 quilómetros.

Ademais, resaltou o impacto positivo que pode ter esta proposta no territorio ao longo de todo o percorrido que permite gozar da beleza de sete grandes áreas paisaxísticas: a Mariña lucense, as Rías Altas, o Golfo Ártabro, a comarca de Bergantiños, a Costa da Morte, as Rías Baixas e o sur de Galicia. “Este conxunto de sendas compleméntase co acceso a recursos turísticos próximos e unha ampla rede de servizos da actividade turística destas zonas”, subliñou.

O evento de presentación da iniciativa tivo lugar no expositor dedicado a Galicia dentro de Fitur, onde tamén se reservou un pequeno espazo para recrear un tramo da futura ruta costeira coa instalación dun mural fotográfico, unha maqueta 3D dunha bicicleta e un prototipo dos sinais que se instalarán ao longo de todo o percorrido.

Arriba