17 xuñ 2026

A Xunta consolida o seu compromiso co ‘Arde Lucus’ e a promoción turística de Lugo que supera o 90% de ocupación durante a súa celebración

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asinou un novo convenio co Concello de Lugo destinado a contribuír á financiación do ‘Arde Lucus’, que acada este ano a súa 25ª edición. En total, destinaranse 40.000€ para a celebración, co que se leva xa investido máis de 200.000€ desde o seu recoñecemento como festa de interese turístico de Galicia. O director de Turismo de Galicia resaltou o alto impacto da celebración, que mobiliza a un gran número de visitantes ata acadar unha alta ocupación hoteleira de arredor do 90%.

En concreto, Turismo de Galicia participa no financiamento de distintos aspectos da programación e organización da celebración. O apoio autonómico engádese a outras anteriores destinadas a amplificar o impacto da celebración, a través da súa consolidación como festa de interese turístico internacional, que suman un total de 206.000€ e que inclúe o período comprendido desde que fora recoñecida como festa de interese turístico de Galicia e nacional ata a actualidade.

Nesta liña, sinalou Xosé Merelles, a sinatura deste convenio reforza a implicación do Goberno galego “coa promoción do destino Galicia a través do apoio ás festas de interese turístico, ferramenta fundamental para a divulgación dos recursos turísticos da comunidade”. Ademais, a súa declaración en 2023 como festa de interese turístico internacional “consolidou a súa proxección exterior e converteuna nun importante motor de dinamización cultural, económica e hostaleira para a cidade”.

O director de Turismo de Galicia resaltou o alto impacto da celebración, que mobiliza a un gran número de visitantes ata acadar unha alta ocupación hoteleira de arredor do 90%.

Xosé Merelles destacou ademais a continuidade da celebración, que chega este ano á súa 25ª edición como “unha das festas máis emblemáticas da cidade de Lugo e un dos principais referentes da recreación histórica en Galicia”. Este ano desenvolverase entre o 18 e o 21 xuño, cun amplo programa de actividades e representacións culturais a través das que retomar o pasado castrexo e romano da cidade.

O director de Turismo de Galicia incidiu na ampla participación social da festividade, ao lembrar que no seu desenvolvemento participan asociacións de recreación histórica e asociacións culturais tanto de Lugo como doutras localidades de España e Europa, así como veciñanza, centros educativos e o tecido comercial e hostaleiro.

“Deste modo -destacou- o Arde Lucus contribúe a reforzar a identidade local e a poñer en valor o patrimonio histórico de Lugo, especialmente a súa Muralla romana, declarada Patrimonio Mundial”. 

No que vai de ano, 50.405 persoas aloxáronse en establecementos de Lugo, o que supón un incremento do 21,2% respecto ao mesmo período de 2025.

Arriba