21 xuñ 2026

A Xunta intensifica a promoción do destino Galicia coa visita de creadores de contido e xornalistas de cinco países de Europa, América e Asia

Turismo de Galicia continúa desenvolvendo o seu Plan de Promoción Turística 2026 con tres viaxes de familiarización que están a realizarse durante a segunda metade do mes de xuño, dirixidas a reforzar o posicionamento de Galicia en mercados prioritarios de Europa, América e Asia.

Unha destas accións céntrase especificamente na promoción do Camiño de Santiago no mercado chinés. En colaboración coa Oficina Española de Turismo (OET) de Pequín, cinco influencers visitarán Galicia entre o 23 e o 28 de xuño para coñecer de primeira man a experiencia da peregrinación e os principais recursos asociados ás rutas xacobeas. En total, durante 2025, foron 4.441 os chineses que percorreron o Camiño de Santiago. O programa inclúe visitas aos puntos máis emblemáticos de Santiago de Compostela, así como distintos enclaves do Camiño Francés. A viaxe complétase cun percorrido polo Camiño de Fisterra-Muxía.

Paralelamente, Turismo de Galicia organiza entre os días 21 e 25 de xuño unha viaxe para cinco influencers procedentes de Brasil, Bélxica, Estados Unidos, China e Alemaña, en colaboración coa OET de Miami, nunha acción orientada á promoción do turismo de natureza, patrimonial e gastronómico. Esta acción busca reforzar o traballo da Xunta con varios dos principais países emisores de visitantes. Estados Unidos é o segundo país estranxeiro que máis turistas achega a Galicia, con 274.866 o ano pasado.

Durante a súa estancia percorren algúns dos espazos máis representativos do litoral galego, entre eles o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, ademais de Santiago de Compostela. Tamén participan en actividades de turismo activo, enogastronómico e patrimonial.

Viaxe de prensa desde Alemaña

A estas iniciativas súmase unha viaxe de prensa en colaboración coa OET de Frankfurt para xornalistas da revista alemá Brigitte. Máis de 176.000 alemáns achegáronse a Galicia o ano pasado, unha mostra da relevancia deste destino para este mercado. A acción desenvolveuse entre o 14 e o 19 de xuño e permitiu aos participantes coñecer diferentes propostas turísticas vinculadas á Costa da Morte e as Rías Baixas, ademais de vivir experiencias no turismo rural e enogastronómico.

Plan de Promoción Turística 2026

Estas viaxes de promoción forman parte da estratexia de promoción internacional de Turismo de Galicia, que organiza viaxes de familiarización e prensa para turoperadores, xornalistas, creadores de contido en redes sociais e outros actores turísticos co obxectivo de avanzar na estratexia de internacionalización do destino nos principais mercados emisores, unha das claves da Estratexia de Turismo 2030 da Xunta de Galicia.

Enmárcanse no Plan de Promoción Turística 2026, que reforza a difusión da oferta turística galega e as rutas xacobeas ante a proximidade do Xacobeo 2027. Están previstas máis de 150 accións en arredor de 20 mercados internacionais, o que consolida Galicia como destino de referencia a nivel global.

Arriba