04 ago 2026

O comisario do Xacobeo 2027 inaugura en Samos a mostra Hospitalidade monástica, que recupera a memoria dos mosteiros como espazos de acollida

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, inaugurou en Samos a mostra ‘Hospitalidade monástica’, un dos 56 proxectos que forman parte da axenda de eventos do programa de O Teu Xacobeo na antesala da celebración do Ano Santo 2027 e que conta cun investimento global para este 2026 de 1M€. Trátase dunha exposición, composta por vinte paneis, que recupera a memoria dos mosteiros como espazos de acollida no Camiño de Santiago. A mostra, na que se inclúe un audiovisual que se poderá ver la planta baixa da Casa do Concello, permanecerá en Samos un mes para logo visitar outros catro concellos rurais galegos onde existe ou existiu asistencia monástica aos peregrinos.

Durante a súa intervención, Marcos Gómez Román destacou a hospitalidade como un dos valores universais do Camiño de Santiago e que salientou “o papel fundamental que desenvolveron os mosteiros na consolidación do fenómeno xacobeo”. “De feito, a hospitalidade foi,  -dixo- desde a orixe do Camiño de Santiago, un dos piares que fixeron posible a experiencia da peregrinación”. Durante séculos, no Camiño Francés, tanto no país veciño como en territorio español ata chegar a chan galego, os mosteiros ofreceron acollida, alimento, descanso e orientación a milleiros de peregrinos, converténdose en auténticos espazos de encontro, solidariedade e intercambio cultural.

De entre os contidos da mostra, cómpre destacar aqueles que sinalan a documentación que acredita a acollida de peregrinos en Samos (na hospedaría do mosteiro e nun hospital -hoxe desaparecido- que estivo situado na actual avenida Compostela) dende a Idade Media. Así mesmo, sublíñase o papel dos monxes de Samos no nacemento do culto xacobeo e da propia cidade de Compostela.

A iniciativa percorrerá cinco municipios rurais vinculados ao Camiño de Santiago e permitirá achegar ao público a historia da hospitalidade monástica mediante unha exposición itinerante de acceso libre, complementada con publicacións divulgativas, pódcast e contidos audiovisuais que afondarán no papel desempeñado polos mosteiros na configuración das distintas rutas xacobeas.

Neste sentido, o comisario do Xacobeo 2027 salientou que “a itinerancia da exposición cumpre unha das funcións principais de O Teu Xacobeo, como é descentralizar a programación cultural, levando contidos de calidade a pequenos concellos do territorio galego e contribuíndo á dinamización das localidades polas que discorren as rutas xacobeas”. Ao mesmo tempo, favorecerá que peregrinos, visitantes e poboación local descubran a importancia histórica destes espazos e o seu papel na construción do fenómeno xacobeo.

Con Hospitalidade Monástica, O Teu Xacobeo reforza o seu compromiso coa posta en valor do patrimonio material e inmaterial do Camiño de Santiago, recuperando a memoria dunha tradición de acollida que forma parte da esencia da peregrinación e que contribuíu durante séculos a converter Galicia nun territorio de encontro entre persoas, culturas e pobos.

Este proxecto forma parte da programación de O Teu Xacobeo para este 2026. Para todos aqueles proxectos que se vaian desenvolver en 2027, a convocatoria estará aberta para que os interesados -profesionais, pemes e entidades sen ánimo de lucro- presenten a súa solicitude entre o 1 e o 31 de outubro. Neste caso, as iniciativas desenvolveranse entre o 1 de xaneiro ata o 30 de novembro de 2027.

Arriba