02 xuñ 2017

Nova edición do ciclo de concertos ‘Música no Camiño’

 A agrupación musical de Goián abriu a nova edición desta iniciativa organizada por Turismo de Galicia e a Federación Galega de Bandas Populares

Celebraranse un total de 27 actuacións durante as fins de semana dos meses de xuño, xullo e agosto na praza das Praterías, en Santiago

Son concertos gratuítos abertos ao público en xeral especialmente dirixidos aos peregrinos, en recoñecemento ao seu esforzo á súa chegada a Santiago

 A agrupación musical de Goián abriuo pasado sábado, 3 de xuño, unha nova edición de Música no Camiño, o ciclo de concertos organizado por Turismo de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares, que terá lugar todas as fins de semana de xuño, xullo e agosto na praza das Praterías, en Santiago de Compostela.

Nesta edición celebraranse un total de 27 concertos gratuítos abertos ao público en xeral e especialmente dirixidos aos peregrinos que chegan a Santiago como etapa final do Camiño. Os concertos terán unha duración aproximada dunha hora e celebraranse na praza de Praterías ao remate a Misa do Peregrino. En caso de mal tempo facilitarase a actuación nun espazo cuberto próximo á Catedral.

Participarán bandas de música popular de Galicia, coa intención de difundir a cultura xacobea e promocionar así a música galega entre os peregrinos que acadan a etapa final do Camiño.

Con 27 actuacións

Tras a actuación deste sábado, a programación continuará este domingo 4 de xuño coa Banda de Música de Cerdedo. As actuacións no mes de xuño continuarán os días 10, 11, 17, 18, 24, 25 e o venres 30, coa da Banda de Música de Chapela, a Banda de Música Lira de San Miguel de Oia, a Banda Municipal de Viveiro, a Banda de Cee e a Banda Municipal de Padrón.

 

No mes de xullo, as actuacións serán os días 1, 2, 7 e 8, a cargo da Banda Unión Musical de Meaño, a Banda de Música Cultural e Recreativa de As Pontes, a Banda de Música Municipal de A Golada e a Banda de Música Nova Lira de Moraña.

 

Bandas de música popular galega

 

Finalmente, no mes de agosto, Música no Camiño incluirá tamén os venres, con actuacións os días 4, 5 e 6, a cargo da Banda de Música de Sanxenxo, a Agrupación Musical Artística de Arcade e a Banda de Música de Silleda.

 

A música continuará os días 11, 12, 13, 14 e 15, con Unión de Guláns, Ateneo Musical de Bembrive, Unión Musical de Tenorio, Sons e Soños e Unión Musical de Coruña. Unión Musical Ponteledesma actuará o venres 18, mentres que a Banda Xuvenil de Torroso e a Agrupación Musical O Rosal o farán os días 19 e 20 de agosto finalmente.

 

O ciclo rematará a fin de semana do 25, 26 e 27 de agosto, a cargo da Banda Artística de Merza, a Banda Xuvenil de Barro e a Banda de Música de Ordes.

Arriba