13 feb 2013

Turismo presenta unha aplicación gratuita para teléfonos intelixentes sobre enoturismo

A secretaria xeral para o Turismo, Nava Castro, acompañada da directora-xerente de Turgalicia, Carmen Pita, presentou hoxe esta nova ferramenta para a promoción do enoturismo e a gastronomía de Galicia que xa está dispoñible nas bibliotecas e app stores

Galicia é a comunidade española con máis establecementos de turismo industrial certificados co distintivo Q de Calidade Turística, 9 das 11 adegas certificadas son galegas

A posta en marcha de ferramentas que promocionen o turismo industrial e enogastronómico en Galicia sitúa á comunidade como unha das primeiras comunidades que deseña un proxecto de promoción integral para o desenvolvemento do sector enoturístico usando as novas tecnoloxías

Presentación da aplicación

A secretaria xeral para o Turismo, Nava Castro, acompañada pola directora-xerente de Turgalicia, Carmen Pita, presentou hoxe a nova ferramenta de Turismo de Galicia para a promoción do enoturismo e a enogastronomía a través da utilización das novas tecnoloxías dos teléfonos intelixentes. A nova aplicación, que se pode descargar de xeito gratuíto a través das bibliotecas ou app stores dos teléfonos Iphone, Android ou Blackberry, búscase introducindo as palabras ‘Enoturismo Galicia’.

A información proporciónase en galego, en castelán e en inglés, de xeito que o usuario opta polo idioma que prefira dende a primeira pantalla de presentación. Os datos que contén está proporcionada polas diferentes Asociacións das Rutas dos Viños de Galicia, correspondentes a cada unha das Denominacións de Orixe Protexida vitivinícolas da comunidade (Monterrei, Valdeorras, Ribeira Sacra, Ribeiro e Rías Baixas) e tratada e supervisada por Turismo de Galicia. De tal xeito que cada D.O. preséntase amosando as características do seu territorio e mais dos seus viños.

O uso da tecnoloxía GPS integrada nos móbiles permite localizar a nosa posición e dirixirnos doadamente cara o lugar que queremos atopar, superando con isto as dificultades de sinalización dada a complexidade xeográfica e orográfica do territorio. A sinalización física, que é sempre complexa, compleméntase con esta ferramenta. Os diferentes proveedores de servizos enoturísticos amósanse a través dunha pequena ficha de datos de contacto, características e fotografía, así como da súa situación concreta sobre mapas interactivos.

Ademais, a información actualízase en tempo real cada vez que se introduce nova información na web de Turismo de Galicia (www.turgalicia.es) dado que esta aplicación está deseñada para ler inmediatamente a información da base de datos de Turgalicia. Isto permite que as actualizacións sexan continuas e que a ferramenta goce da axilidade e flexibilidade necesarias para afrontar os rápidos cambios tecnolóxicos do sector turístico.

Segundo explicou a secretaria xeral durante a presentación, “con esta acción, Turismo de Galicia consegue situar á nosa comunidade autónoma como unha das primeiras que deseña un proxecto de promoción integral para o desenvolvemento de todo o noso sector enoturístico usando as máis actuais tecnoloxías”.

Promoción da enogastronomía de Galicia


Turismo de Galicia leva tempo traballando na promoción turística da combinación enoturismo y gastronomía, o que ten dado lugar á posta en valor como recurso turístico da enogastronomía e mais á creación do Primeiro Plan de Enogastronomía de Galicia. Segundo explicou a secretaria xeral, o obxectivo do plan é definir as estratexias e as accións que impulsen o produto de turismo gastronómico e o enoturismo en Galicia. Plan pretende facer de Galicia un destino enogastronómico atractivo e de gran calidade, que conte cunha gama de servizos e produtos turísticos experienciais ligados á súa propia identidade e á singularidade da súa gastronomía e viños, asegurando a satisfacción dos turistas que o elixen, tanto se veñen cunha motivación exclusivamente gastronómica como se veñen por outras motivacións.

Segundo explicou Nava Castro, a iniciativa que hoxe se presentou enmárcase neste plan no eixo destinado ao desenvolvemento de produtos enogastronómicos. Ademais, a secretaria xeral resaltou a aposta pola Calidade Turística de Galicia e a súa incidencia no eido enoturístico. “Ademais de ser a Comunidade Autónoma Española na que máis medrou a cifra de establecementos certificados coa Q de Calidade Turística e de ser líder no sector de balnearios, turismo rural ou turismo activo, somos tamén a primeira comunidade en certificacións Q de Calidade Turística no sector do Turismo Industrial porque 9 das 11 adegas certificadas de España co distintivo Q están en Galicia, o 81,8 por cento”, recalcou.

A ferramenta que hoxe se pon a disposición dos galegos e galegas e mais dos viaxeiros e viaxeiras que queiran percorrer a comunidade a través do viño e a gastronomía espallada polo territorio constitúe un complemento para disfrutar do Produto Cabeceira da Marca Galicia, Paseando entre Viñedos. Nava Castro explicou tamén que Turismo de Galicia traballa neste momento na creación de experiencias enoturísticas para a súa comercialización na web de Turismo de Galicia

Arriba