11 out 2013

O Consello da Xunta aproba o decreto polo que se regula autilización da imaxe corporativa do VIII Centenario da peregrinaxe de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela

A imaxe corporativa da conmemoración, deseñada por Antón Lamazares, acompañará as actuacións que se desenvolverán durante a celebración do evento que conta coa declaración de Acontecemento de Excepcional Interese Público . O decreto regula a súa utilización polo sector público autonómico de Galicia así como por outras entidades como a Administración xeral ou as entidades locais.

O Consello da Xunta aprobou onte o Decreto polo que se regula a utilización da imaxe corporativa do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de

Compostela (1214-2014).
 

O obxecto do decreto é regulamentar a utilización da imaxe corporativa do VIII Cententario polo sector público autonómico de Galicia e por outras persoas e entidades do sector público e privado. Os actos conmemorativos do VIII Centenario teñen a consideración de  contecemento de Excepcional Interese Público. A duración do programa de apoio a este acontecemento comprende o período que vai desde xullo de 2013 a xuño de 2015 e os beneficios fiscais do programa serán os máximos establecidos no artigo 27.3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

 

En virtude do decreto polo que se regula a utilización da imaxe corporativa do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades integrantes do sector público autonómico, nas súas relacións de colaboración con outras administracións, deberá exixir, sempre que o seu obxecto o permita, que se faga constar a imaxe corporativa do VIII Centenario.

 

Turismo de Galicia será a entidade competente para outorgar as licenzas e autorizacións para a utilización por parte de entidades, institucións ou persoas non integrantes da Administración xeral ou do sector público autonómico de Galicia, con suxeición á normativa reguladora da propiedade intelectual e industrial.

 

O decreto establece, de igual modo, o fomento do uso da imaxe corporativa do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela polas entidades locais galegas.

 

VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago

 

Os actos conmemorativos do VIII Centenario impulsarán a dinamización turística e cultural de Galicia e estimularán a participación do sector privado en proxectos relacionados coa conmemoración. Santiago de Compostela e Asís forman parte do Patrimonio da UNESCO.

 

O Primeiro Congreso Internacional sobre Peregrinacións e Turismo ou o gran Cumio Internacional de Asociacións Xacobeas son algunhas das citas relevantes deste período en Santiago de Compostela. A programación do VIII Centenario de San Francisco de Asís comezou o día 22 de agosto coa inauguración da exposición Peregrino e Novo Apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago, no palacio Bonacquisti de Asís. Este gran proxecto expositivo pódese visitar ata o día 20 deste mes na cidade italiana. Con el pode percorrerse a imaxe do mundo na época de San Francisco e pode estudarse a presenza das ordes mendicantes no Camiño de Santiago e o legado do santo nas cidades da ruta a Compostela.

 

O logotipo do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, creado polo artista Antón Lamazares a partir dunha peza de cartón, representa a austeridade franciscana e está escrito co alfabeto creado polo artista, denominado Alfabeto Delfín, e inclúe a lenda ‘Asís 800 Compostela’ coa que se crea a marca para a celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela (1214-2014).

Arriba