01 feb 2014

Mañá domingo será o último día para visitar a mostra ‘San Francisco e o Belén’ promovida por Turismo de Galicia que xa recibiu a visita de máis de 28.000 persoas

A exposición ´San Francisco e o Belén´ enmarcase na programación dos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.   -A Capela do Pilar da Catedral de Santiago, as tullas do Mosteiro de San Martiño Pinario e mais a Igrexa de San Francisco acollen distintos proxectos expositivos sobre a tradición belenística.

Mañá domingo, día 2 de febreiro será o último día de apertura da mostra ´San Francisco e o Belén´ promovida pola Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia xa ten recibido 28.026 visitantes nas súas tres sedes na capital galega. A exposición, que foi inaugurada o pasado 20 de decembro pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, contou no acto inaugural coa presenza do deán da Catedral, Segundo Pérez e mais dun representante da cidade italiana de Rieti, Diego di Paolo.

A igrexa do convento franciscano, as Tullas de San Martiño Pinario e a capela do Pilar da Catedral de Santiago de Compostela son os tres espazos expositivos nos que se poden admirar as diferentes pezas que compoñen esta singular mostra que rende homenaxe á tradición belenística e que se enmarca nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

Algunhas das obras que espertan maior interese entre as persoas que xa teñen visitado as diferentes sedes expositivas da mostra figuran ´Virxe do Leito´ de Luisa Roldán e a escena de marfil coñecida como ´Natividade e Cordeiro Místico´ do século XVII. Os que se achegaron ata San Martiño Pinario destacan entre as pezas que máis sorprenden ao visitante o Belén Olaguer. Estas pezas conforman un conxunto de figuras de finais do século XVIII procedente da Colección Pérez Olaguer do Museo Nacional de Escultura de Valladolid. E na igrexa de San Francisco, as pezas de Arturo Baltar chaman a atención polo carácter tradicional das súas escenas.

En total, amósanse pezas de grande importancia histórica e artística que datan dende a época medieval ata o mundo contemporáneo. A exposición reúne escenas do Nacemento de Xesús procedentes de países como Portugal, Italia, España ou Austria e acolle pezas de artistas como Guido Reni ou Arturo Baltar. A entrada á mostra é gratuíta e as visitas poden realizarse nas tres sedes en Santiago de Compostela.

Arriba